Fanse 1038 anos da coroación en Compostela como rei da Galiza de Vermudo II

Vermudo II, un rei galego para reivindicar

Hai 1038 anos, falamos de 15 de outubro de 982, Vermudo II é coroado na catedral de Santiago de Compostela como rei da Galiza. Fillo do rei Ordoño III e pai de Afonso V, vai actuar como un instrumento do partido galego para garantir a súa hexemonía no axitado espazo cristián peninsular de finais do século X.
Ordoño III, Vermudo II e Afonso V. Miniaturas medievais da catedral de León. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ordoño III, Vermudo II e Afonso V. Miniaturas medievais da catedral de León. (Foto: Nós Diario)

A loita pola hexemonía entre os distintos territorios vai cruzar a vida do reino cristián peninsular na segunda metade do século X. Se tras a morte de Ramiro II, criado en Celanova e membro do clan dos Guterres, o seu fillo Sancho I xoga a carta de Castela e León, o que provoca o enfrontamento cos galegos que impoñen como monarca o seu irmán Ordoño III, unha situación semellante vaise vivir cos fillos destes Ramiro III e Vermudo II. Un e outro defenden intereses contrapostos, sintetizando a súa presenza no trono o predominio dunha ou doutra facción no Goberno do reino cristián peninsular.

Ramiro III é continuador da política do seu pai Sancho e nese sentido vai privilexiar os intereses da oligarquía castelá, combatida a sangue e lume polo seu avó Ramiro II ‘O Grande’ e dalgunhas áreas leonesas como Saldaña. Cualificado polo seu contemporáneo, o cronista leonés, Sampiro como “persoa de escasa intelixencia” e polo bispo de Oviedo, Paio, como “mentireiro e altivo”, non vai tardar en entrar en confronto con Galiza. Á volta de 981, a nobreza galega dirixida por Mendo González álzase contra Ramiro e a favor Vermudo, que a finais dese ano aparece como rei nunha doazón a favor do mosteiro de Guimarães.

A coroación oficial de Vermudo non se produce até 15 de outubro de 982. Ao longo dese ano, a área galega portuguesa xa está rexida polo novo monarca que atopa resistencias en terras leonesas e castelás. Así as cousas, Vermudo exerce durante dous anos como rei privativo da Galiza, asumindo o control doutras zonas da coroa a partir de mediados de 984. Malia que a historiografía españolista retrasa até 985, data da morte de Ramiro III, a súa entronización en León, á altura de 984 as terras de Saldaña xa están baixo o seu Goberno, resistíndose até o final o condado de Castela, en mans de García Fernández, fillo de Fernán González. 

O reinado de Vermudo está cheo de dificultades. Se a comezos de 983 debe combater as tropas de Ramiro III en Portela de Areas, concello de Antas de Ulla, as terras do condado de Castela só as dá dobregado co apoio árabe, confrontando ao longo do seu Goberno repetidas insurreccións da oligarquía de matriz castelá e leonesa. Sen ir máis lonxe, os descendentes de Ramiro III vanse erguer de modo reiterado contra Vermudo, chegando a declarase rei en León un nobre chamado Conancio, finalmente derrotado polo monarca galego en 990. Ao tempo, o seu reinado vai coincidir coas intervencións militares de Almanzor contra Galiza, que chega a saquear Santiago de Compostela, co apoio dalgúns dos nobres casteláns e leoneses enfrontados a Vermudo. 

A historiografía non adoita ser xusta con Vermudo. Coñecido como ‘O Gotoso’, por sufrir da doenza de gota, alcume imposto polo seu inimigo Paio de Oviedo, o seu cronista, o bispo Sampiro cualifícao de “prudente”, porén o relato maioritario colócao como un monarca incapaz, seguindo a liña argumental aplicado a aqueles reis que se teñen caracterizado durante a súa vida polo enfrontamento con Castela. Ao tempo, as circunstancias políticas marcadas polo gran vigor do Califato de Córdoba e dunha endiañada situación interna non van facer doada a súa xestión.

Vermudo vai actuar en política como un instrumento do partido galego. O seu círculo de confianza está formado pola nobreza do país, destacando entre estes Mendo González, ligado ao núcleo familiar dos Guterres, conde de Portugal, titor do fillo de Vermudo, Afonso V e pai da súa esposa, a futura raíña Elvira Mendes. Ao tempo, o monarca liga lazos con esta familia ao casar con Velasquita Ramíres, membro da saga dos Guterres, como filla de Adosinda, irmá de San Rosendo e da raíña Goto e filla de Santa Aldara. O propio Vermudo fai parte tamén deste grupo familiar, na súa condición de neto de Ramiro II, fillo de Elvira Menendes. 

O círculo dos Guterres significa o núcleo central de poder da monarquía hexemónica no espazo cristián peninsular e evidencia a orixe galega de todos os reis e raíñas desde finais do século IX até comezos do século XIII. Unha viaxe pola rama paterna de Vermudo, neste caso a dos Guterres, onde San Rosendo xoga o papel de cabezaleiro, certifica que sete mulleres desta familia rematan como raíñas, Elvira Menendes, Adosinda Guterres, Aragonta Gonzales, Goto Nunes, Teresa Ansures, Velasquita Ramires e Elvira Mendes.

Comentarios