O que fixeron os militares nas comarcas do Courel, Lemos e Quiroga

Os verdugos vestían uniforme

A historia e a memoria transitan, ás veces, por camiños diverxentes. Mentres as fontes orais adoitan sinalar os milicianos falanxistas e os paramilitares procedentes doutras organizacións da dereita como actores chave da represión, a documentación escrita pon o foco nos militares como principais responsábeis do operativo que segue o golpe de Estado de xullo de 1936. Achegámonos nesta primeira entrega sobre os vitimarios do Courel, Quiroga e Val de Lemos ao papel desenvolto polos militares na articulación do aparello represivo. 
Militares no cuartel de Monforte en agosto de 1936. (Foto: Arquivo da Biblioteca Nacional de España. Fondo Erich Andres)
photo_camera Militares no cuartel de Monforte en agosto de 1936. (Foto: Arquivo da Biblioteca Nacional de España. Fondo Erich Andres)

Os militares foron a peza central no conglomerado represivo posto en marcha após o golpe de Estado de xullo de 1936. A un tempo participaron da represión legal, ditando e inspirando as disposicións normativas do novo réxime, presidindo os consellos de guerra nas diversas xurisdicións, asinando as sentenzas de morte ou impondo as sancións administrativas. Por outra banda dirixiron a represión paralegal, determinando os obxectivos das milicias de dereita, autorizando as sacas dos cárceres e ordenando a execución dos demócratas. A traxectoria dos comandantes militares de Monforte na segunda metade de 1936 e moi particularmente daqueles que máis tempo permaneceron no cargo, Emilio Cortes Reyes e Carlos Aranguren Roldán, foron un exemplo disto.

Emilio Cortes Reyes, comandante militar de Monforte entre 23 de xullo e finais de agosto de 1936, ordenou repetidas sacas no cárcere de Monforte e presidiu múltiples consellos de guerra en Lugo ou Asturias, que remataron con penas de morte, como a do veciño de Sober David Álvarez Carnero. Malia que un fillo seu, Ildefonso, foi asasinado polos franquistas en Astorga o 18 de agosto de 1936, Cortes Reyes actuou sempre con dureza, sendo nomeado, posteriormente, gobernador militar de Lugo e relevado na súa responsabilidade en Monforte por Carlos Aranguren Roldán. Aranguren, irmán do xeneral leal á república José Aranguren Roldán, a quen se negou a defender no seu consello de guerra en 1939, dirixiu ducias de procesos sumarios na xurisdición militar en Lugo co resultado de varias sentenzas a morte e autorizou pasear diversas persoas retidas na prisión de Monforte.

Un proceso planificado e dirixido polos militares

A represión estivo dirixida, coordinada e executada, en moitos casos, polos militares. O 23 de agosto de 1936 foron asasinados polas milicias de Falanxe de Monforte o auxiliar de farmacia Manuel Abeledo Rodríguez, o funcionario municipal Argimiro Díaz Amor e o concelleiro socialista Urbano Núñez Castro. Porén, o 22 de agosto, o comandante militar de Monforte, o tenente coronel de infantaría Emilio Cortes remitiu un oficio ao xefe do cárcere da cidade, Nicolás Torres, ordenándolle: “Sírvase pór a disposición do xefe de Falanxe desta localidade os individuos detidos nesa prisión, Urbano Núñez Castro, Manuel Abeledo Rodríguez e Argimiro Díaz Amor”. Ese mesmo día, o máximo responsábel da prisión fixo entrega dos detidos a Fernando Baamonde, quen asinou como “xefe de milicias” a recepción das persoas que apareceron mortas a xornada seguinte.

O procedemento seguido con Manuel Abeledo Rodríguez, Argimiro Díaz Amor e Urbano Núñez Castro repetiuse de modo sistemático con outras vítimas da represión paralegal retidas no cárcere de Monforte, tal e como se observa na documentación da prisión conservada no Arquivo Provincial de Lugo. Sen ir máis lonxe, o 7 de setembro de 1936, o comandante militar de Monforte, Carlos Aranguren, dirixiu escrito ao xefe da prisión mandándolle “facer entrega do detido nesa prisión Manuel Díaz González ao falanxista Xaime González Núñez, acompañado de cinco máis, dándome conta de ter cumprimentado ese escrito”.

Pola súa banda, ese mesmo día, González Núñez asinou e certificou que “recibín o detido comprendido na presente orde”. Manuel Díaz González, un médico do Incio, coñecido popularmente como ‘O Pequeniño’, apareceu asasinado polos falanxistas un tempo despois no seu concello natal.

O “terror quente” non existiu para as persoas retidas no cárcere de Monforte e Quiroga, pola contra a represión estivo perfectamente planificada e organizada desde os momentos iniciais do levantamento fascista. O masacre perpetrado o 22 de agosto de 1936 no Alto da Valiña, en Sarria, polas milicias de Falanxe de Lugo, cos veciños de Ribas de Sil Manuel Rodríguez Arias e José Casas Montero e o veciño de Quiroga Benigno Morillo Vidal foi un caso paradigmático.

Retidos no cárcere de Monforte, o 20 de agosto de 1936, o comandante militar de Lugo, o tenente coronel de infantaría, Cecilio Arias, remitiu unha orde ao xefe da prisión monfortina, Nicolás Torres, instándoo “a facer entrega ás forzas da Falanxe que se presenten a recoller os detidos que no respaldo se relacionan”, sinalando o oficio a “Manuel Rodríguez Arias, Benigno Morillo Vidal, José Casas Montero”. O 22 de agosto, o día do seu asasinato, “o xefe de milicias”, “Pedro Marzán” asina a recepción dos tres primeiros “mártires da Valiña”.

Paréceche interesante o que estás a ler? Atoparás este capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror' ao completo no Nós Diario que está nos quiosques e na nosa tenda online. Da o paso e fai agora mesmo a túa subscrición!

Comentarios