Opinión

Verdes vampiros

Penedos de Pasarela/ cando vos vexo, penedos/ suspiro de amor por ela. Hai tres lustros, a veciñanza, cos versos de Pondal como manifesto, impediu que se destruíse ese monumento natural. Querían converter en canteira tanta beleza! Mais gañou a poesía. 

Agora o teléfono ferve en mensaxes. Pretenden furar os Penedos con espetos eólicos. As mesmas denuncias tamén en Corme, O Courel, Trives, Valdeorras.

Chámanlle transición verde. Mais non ten nada que ver co ecoloxismo. É capitalismo. O mesmo capitalismo salvaxe que arrasou As Pontes e As Encrobas, que levou todo e non deixou nada, disponse agora aplicar a súa receita –máximo negocio co mínimo investimento– sobre todos os outeiros. 

Unha nova operación-espolio do país. Os mesmos vampiros, mais con etiqueta verde. 

Articulamos a nosa protesta dun xeito puntual en cada anaco de beleza. Mais todos os parques forman parte dun gran proxecto. Preténdese encher de viraventos –de Galiza a Euskal Herría– todas as montañas do norte da Península Ibérica. Velaí esa multinacional norueguesa disposta a facer aquí todo o que non lle deixan nas súas escandinavias.

A enerxía eólica é unha magnífica alternativa aos combustibles fósiles. Sempre que os viraventos se instalen en lugares axeitados, e que as primeiras beneficiarias desa riqueza –eis o triunfo da veciñanza de Muras– sexan as persoas que viven na súa contorna. 

“Non son muíños, son xigantes. Capitalismo salvaxe”. Diante de nós un poderosísimo inimigo. Habemos ser lanza no vento. Este é o país que dixo: Nunca Máis!

Comentarios