O Instituto Xeográfico Nacional confirmou, a petición do Instituto de Estudos Ulloáns, que o centro xeográfico da Galiza está nun punto concreto da aldea de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante en Antas de Ulla, na comarca da Ulloa.
O Instituto de Estudos Ulloáns levou a cabo as xestións necesarias para rematar coas dúbidas e que se determinase científica e definitivamente a localización exacta do centro xeográfico da Galiza. Para isto, a entidade recorreu ao Instituto Xeográfico Nacional (IXN), unha institución dependente do Ministerio de Fomento, a máxima autoridade estatal na materia.
Esta entidade cultural que desenvolve a súa actividade na comarca da Ulloa logrou que o IXN, que xa fixera outras medicións hai anos, o mesmo que os xeógrafos da USC, emitise un informe oficial asinado por Pablo Carballo Cruz, director do servizo rexional, detallando a localización exacta do centro xeográfico do país dando definitivamente as súas coordenadas xeográficas: 7º54'38,99''W 42º45'25,15''N.
"O punto exacto definido polo IXN está situado nunha parcela particular nunha zona de gran valor natural e paisaxístico", sostivo o presidente da entidade galega, Francisco Pardo.
Empregando as descricións cartográficas dispoñíbeis no Rexistro Central de Cartografía calculouse o centro de gravidade ou centro xeográfico da Galiza utilizando o algoritmo centroide de PostGIS, un software que converte as bases de datos obxecto-relacionais en sistemas de información xeográfica.
O experto Pablo Carballo remata o seu informe oficial sinalando que "o estudo e o cálculo leváronse a cabo contando cos datos oficiais máis fiábeis e precisos e comprobando o resultado co software máis avanzado".
Agora, o colectivo da Ulloa iniciará campañas de divulgación. "Pero son as Administracións local, provincial e autonómica as responsábeis dunha intervención na zona, para o que non se requiren grandes investimentos senón boas intencións", asegurou o seu presidente.
O Instituto de Estudos Ulloáns dá por pechados os debates
Con este informe "oficial e definitivo" o Instituto de Estudos Ulloáns dá por pechados os debates sobre a situación exacta do centro xeográfico da Galiza, unha localización disputada historicamente.
"Todos os debates de carácter científico e alleos, por outra parte, aos lemas publicitarios que poden levar ao público a confusións como son o de 'Corazón de Galicia', creado polo banqueiro Alejandro de Soto e rexistrado polo concello de Chantada na oficina de patentes de Madrid , ou a denominación 'Km O', creada polo escritor Armando Vázquez e rexistrada polo concello de Lalín", explicou o presidente da entidade, Francisco Pardo, que presentou o resultado deste estudo esta quinta feira en Lugo xunto ao vicepresidente Jesús Otero e as directivas Hilda García e María José Gómez.