Opinión

O verbo perder conxúgase ben

O Celta levou en Montilivi a primeira derrota da tempada despois de catro xornadas. Pero puido empatar nos minutos finais. E iso é o positivo desta derrota, a diferenza de moitas outras vividas nos meses preferentes. O 3-2 estivo a piques de converterse en 3-3, pero faltou a efectividade e a solidez que o equipo viña amosando nas xornadas precedentes.

Non é unha vitoria tráxica e está no límite do merecemento. Non foi unha catástrofe pero o Girona estivo mellor nos momentos chave do encontro mentres ao Celta costáballe demasiado crear perigo. En xeral o equipo non estivo todo o concentrado que se esperaba, faltoulle contundencia cos balóns aereos onde o Girona deixou aos celestes sen opcións nos dous primeiros goles. O terceiro foi xa unha consecuencia lóxica cuns xogadores envorcados na búsqueda dun empate que non chegaba. E o Girona aproveitou ese momento para lanzar unha contra na que a sorte estivo do seu lado. Néstor Araujo sufriu neste partido máis que nos tres precedentes xuntos e sen el liderando a zaga este equipo semella demasiado vulnerable e lembra demasiado o Celta dos vellos tempos.

A defensa non estivo en xeral ben, pero o equipo respondeu aos contratempos con enteireza e traballo. Junior Alonso non estivo be; porén, a idea de Roncaglia cubrindo a banda esquerda non foi a mellor decisión, non funcionou desde o minuto un da segunda metade, moi superado. Junca semellaba a opción necesaria desde o banco pero Mohamed decidiu poñer revolucións no ataque para romper a defensa de tres e situar Boufal no terreo de xogo. E Boufal, unha vez máis, respondeu. Necesita aínda traballar máis en equipo e ceder o balón en momentos determinados pero marcou un gran gol e xerou nos últimos minutos boas accións de perigo. O marroquino comeza a carburar e esa é unha boa nova para o Celta.

A defensa non estivo en xeral ben, pero o equipo respondeu aos contratempos con enteireza e traballo

 

A derrota non deixa un poso preocupante, a de Boufal é unha boa nova pero o encontro amosou o crecemento a pasos axigantados que está a ter Fran Beltrán, que semella ter xogado en Primeira e con Lobotka toda a vida. Eles dous son o sustento deste Celta e chegarán a ser, de seguro, unha das mellores parella de mediocampistas da liga. Non teño dúbidas. Nun mal partido do equipo eles foron os xogadores máis salientables, o pouco que se creou naceu deles, da súa loita e sacrificio. Lobotka e Beltrán reflicten á perfección a 'alma' deste equipo: a capacidade de loita e de non renderse até o último folgo. A pesar dos constantes paróns que buscou desesperado o Girona nos últimos intres, o Celta non deixou de buscar ese gol salvador. Eusebio deixou a un lado a súa idea de xogo bonito para entregarse a un fútbol máis emporcallado e rácano. Os resultados mandan, pero este Girona ten pouco de Eusebio e moito de Machín. As perdas de tempo son unha lacra para os equipos que si queren xogar ao fútbol. O Celta quixo até que o árbitro asubiou o final. A derrota é clara pero non definitiva, servirá de seguro para non caer en conformismos e en fantasías efémeras que non son da nosa 'liga’.

Comentarios