Venezuela sanciona a Inditex por procurar maiores beneficios após a devaluación do bolívar

A franquía de Inditex que opera con máis dunha vintena de tendas en Venezuela mudou os prezos dos seus produtos á fin de incrementar a marxe de beneficio após a devaluación monetaria aprobada polo Goberno bolivariano. As autoridades venezolanas advertiron á empresa transnacional que deberán restituír os prezos nun feche de 72h ou serán sancionadas.

Así o informou o Instituto para a defensa das persoas no acceso aos bens e servizos (Indepabis) após a modificación nos prezos dos seus produtos implementada pola franquía de Inditex no país. O imperio do téxtil decidiu mudar o PVP dos seus produtos logo de que o goberno venezolano devaluase até nun 32% a moeda nacional (o bolívar) e tiña por obxecto "administrar mellor o seu diñeiro". Porén, o Instituto entende que en realidade se está a producir unha especulación que procura en última instancia aumentar a marxe de beneficio da empresa ao detectar "marxes excesivas" nos beneficios obtidos pola franquía, segundo afirmou Osiris Pacheco, coordenadora de Indepabis no Estado Miranda.

Así pois, o goberno bolivariano exixiu a Inditex fechar durante 72 horas para "remarcar" seus produtos e adaptalos aos prezos reais, porén deberán pagar "unha multa de 5.000 Unidades Tributarias (uns 85.000 dólares). No entando, advirten desde o Indepabis que de non se adaptar de novo os prezos á realidade --cuestión que será supervisada por funcionari@s públic@s-- do contrario, darase traslado ao Ministerio Público para que "encete un proceso penal, de acordo coas informacións achegadas por Trino Martinez, director nacional de Fiscalización de Indepabis.

Ao igual que con Inditex, as sancións foron aplicadas a outras empresas que operan no país como Beco (téxtil) e EPA (ferretarías) por "usura", "remarcaxe e ofertas enganosas".

Comentarios