Vence e Besteiro achegan posturas contra a ''perda de peso'' da Galiza ''nun proceso recentralizador''

O voceiro nacional do Bloque e o secretario xeral do PSdG-PSOE mantiveron a primeira reunión desde as primarias da formación socialista. Ambos os dous coincidiron en que os seus proxectos políticos "diferentes no nacional e no social" non impedirá "chegar a acordos".

vence_dentro
photo_camera [Imaxes: Olalla]


Dous proxectos políticos "diferentes no nacional e no social" non impedirán "chegar a acordos" para atallar o desemprego ou os efeitos dos recortes emprendidos polo Goberno galego.

Así o consideraron o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, e o secretario xeral do PSdG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, no primeiro encontro que ambos os dous dirixentes mantiveron desde as primarias realizadas pola formación socialista, cando Pachi Vázquez deixou a secretaría xeral.

Nunha xuntanza que cualificaron de "moi cordial", achegaron posturas a respeito do "deterioro crecente" do modelo de benestar e da "perda de peso" que as políticas "recentralizadoras" emprendidas desde Madrid e apoiadas desde a Xunta están a supoñer para a Galiza. 

"É evidente que temos un proxecto político moi diferente, mais somos forzas que tratamos de nos entender para defendermos aquelas cuestións en que podemos estar de acordo en beneficio das clases populares", subliñou Xavier Vence perante a imprensa. Pola súa banda, Gómez Besteiro manifestoulle a súa "preocupación" polas cifras do desemprego --case 300.000 persoas--, cuestión que o socialista cualificou como "un problema de país".

Besteiro recalcou que o PSdG-PSOE "non partilla" o "discurso soberanista" do Bloque, mais acrecentou que "isto non é ningunha novidade". A única soberanía que as dúas formacións van defender é "a das familias, que se está a ver seriamente comprometida", dixo o secretario xeral d@s socialistas galeg@s. 

A respeito de futuros modelos de goberno en coligación, o voceiro nacional do Bloque deixou claro que "estaba fóra do horizonte" desta primeira toma de contacto entre ambos os dous dirixentes "facer valoracións de escenarios de futuro a anos vista".

Comentarios