Iván Olmos, número 1 de En Marea por Ourense

"Vemos esta cita electoral co optimismo dunha nova marea sen tutelas"

Iván Olmos encabeza a candidatura de En Marea por Ourense “co obxectivo de sermos quen de levar a voz dos ourensáns e as ourensás ao Congreso” e para pór enriba da mesa “os problemas máis relevantes da nosa sociedade: a despoboación, o noso sector agrogandeiro, o noso medio rural, as nosas infraestruturas...”. Olmos naceu en Xinzo en 1994 e é graduado en Comunicación Audiovisual pola USC, con estudos en Ciencia Política e da Administración e mestrado en Administración e Dirección de Empresas. Exerce como director de comunicación e marketing dunha empresa tecnolóxica galega. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.

olmos
photo_camera Iván Olmos

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Nun momento de enorme volatilidade política e no que se han tomar decisións que afecten á propia reconfiguración do Estado, o pobo galego xógase o seu estatus como país neste proceso. Precisamos definir o papel xeopolítico que ha xogar Galiza nas vindeiras décadas.

Temos que aspirar a ser un motor atlántico en Europa

Temos que aspirar a ser un motor atlántico en Europa e a nos constituír como muro de contención fronte aos intentos de recentralización do Estado. E temos que facelo mediante un proxecto amplo e aglutinador pero sen tutelas.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Coido que foi unha lexislatura na que se fixo moito menos do que se podería. As dinámicas das forzas estatais dificultaron en moitas ocasións que algunhas demandas da cidadanía galega puidesen estar máis presentes no debate político estatal. Un bo exemplo foi o proxecto de orzamentos xerais do Estado aos que En Marea dixo non fronte ao PSOE ou a Podemos, pois entendiamos que supoñían un maltrato ao noso país.

En Marea dixo non aos orzamentos xerais do Estado pois supoñían un maltrato ao noso país

Hai que destacar o papel da deputada Alexandra Fernández, por exemplo, na defensa da dignidade do noso país na comisión do Alvia, que foi quen de non só evidenciar a responsabilidade política do Ministerio de Fomento e do goberno do Estado, senón de poñer tamén ao descuberto a verdade do maior accidente ferroviario da historia do noso país.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

A primeira, sen dúbida, a despoboación e o abandono do rural, especialmente no interior do país, que ha ser abordado de xeito transversal garantindo servizos públicos de calidade e proximidade. A segunda, a falta de expectativas de futuro para a nosa mocidade, da que formo parte, e que nos empurra a unha emigración forzosa. E a terceira, a falta de investimentos infraestruturais encamiñados á vertebración territorial do noso país.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Coido que un excelente referente é o traballo desenvolto por Alexandra Fernández nos últimos tres anos, a pesar da tutelaxe. Mais sitúo tamén como referente, aínda non sendo galegos a deputados como Joan Tardá ou Aitor Esteban, cada un no seu contexto.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

A provincia de Ourense ven de perder máis de 30.000 habitantes na última década. O rural desángrase e as mozas coma min seguimos emigrando. Impulsaremos un plan estatal para o retorno da mocidade emigrada e trataremos de blindar os servizos públicos de proximidade por lei.

Como ve as opcións de En Marea na cita electoral?

Vemos esta cita electoral coa ilusión e o optimismo propios dunha nova marea sen tutelas e cos pés, o corazón e a cabeza no país. Coido que as galegas e galegos saberán valorar a coherencia deste proxecto nos últimos meses e que teremos representación nas catro provincias.

Comentarios