Opinión

Notas ao vivo: Fascismo, odio e ignorancia (70)

Seica unha entidade de claros alicerces ideolóxicos supremacistas e de nidia aboenza fascista, e franquista, acaba de entrar en “campaña” (aínda que a súa lida é teimosa e permanente) denunciando que os libros de texto de Lingua e Literatura galega “adoutrinan” aos estudantes. A tal entidade, presidida, ou iso semella, por unha muller que xa figura por reputación propia nas páxinas máis lóbregas e perversas da historia universal da infamia, pon no seu “visor” a autores como Manuel Murguía, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Castelao, Vicente Risco, Celso Emilio Ferreiro, Ánxel Fole, Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Manuel María ou Víctor Freixanes, entre outros, para sinalar o adoutrinamento que sofren os estudantes nos libros de texto galegos sobre lingua e literatura.

O fascismo lingüístico supremacista español utiliza sen tregua a mentira expresa e diversas formas activas de odio contra os idiomas do Estado (fóra do español) existentes no seu seo, misturando un escuro xeito de racismo lingüístico e unha ignorancia fanática e extrema que provoca, ademais dun asombro inmediato polo seu descaro evidente, un certo temor de carácter antropolóxico pola irracionalidade que representa e pola exhibición de certa estupidez organizada que medra dende unha proto violencia máis que subxacente.

¿Como se pode atacar de modo tan zafio e paifoco a Lingua e a Literatura galegas, xunto con algúns dos seus nomes máis egrexios? ¿Quen son estes etnocidas simplorios e papalvos que desprezan até a morte o mellor da cultura galega: o seu idioma milenario, capaz de crear, tanto na época medieval como na actual, unha das literaturas máis importantes de Europa? ¿Por que esta xente non identifica en si mesma o seu nacionalismo español de extrema dereita, o seu totalitarismo lingüístico de raíz imperialista, a súa fobia contra todo o que non sexa o que eles marcan e decretan, mesmo en contra da legalidade?

A señora en cuestión, a que semella ser a presidenta da Confraría do Adoutrinamento do Odio, móstrase como unha ultra nacionalista española de máxima pureza política e como unha ignara ou suprema analfabeta por regresión. En certo momento dixo a señora que “no creo que una lengua sea una riqueza en sí misma” e que, engadiu a tal, unha lingua “ni siquiera es cultura”. Xulguen vostedes. Esta simpatizante do neofranquismo e do neonazismo de Vox —“Vox ha generado mucha ilusión”, di ela—, pode moi ben ser encadrada no que o psicanalista e escritor brasileiro Antonio Quinet denomina “ignorodio”, termo que conxuga a paixón da ignorancia coa paixón do odio ao saber, tendo como resultado o propio odio á sabedoría. Así son os adoutrinadores do odio xeral e do odio ao coñecemento. Adoutrinadores que, por outra banda, nunca terán futuro.

Comentarios