Os veciños dos barrios pobres de Madrid rebélanse contra as restricións

A formación nacionalista Cerna exixe ao Goberno galego o "control das fronteiras galegas" e o "seguimento de viaxeiros que entren en Galiza".

vallecas_restricions
photo_camera Un momento dunha das mobilizacións que se desenvolveron este domingo en barrios do sur de Madrid (FRAVM)

A poucas horas de entraren en vigor as restricións á mobilidade anunciadas para este luns, 21 de setembro, pola Comunidade de Madrid, a Federación de Asociacións Veciñais de Madrid (FRAVM) impulsou no mediodía do domingo unha ducia de mobilizacións en protesta por unhas medidas que consideran "ineficaces e discriminatorias".

Co lema "Pola dignidade do Sur, paramos Madrid", os veciños dos distritos de Villaverde Bajo, Villaverde Alto, Puente de Vallecas, Villa de Vallecas, Carabanchel Alto, Carabanchel Bajo, Arganzuela, Ciudad Lineal e San Blas ─aos que tamén se sumaron os de Getafe, Parla e Fuenlabrada─ secundaron unhas marchas que se desenvolveron respectando en todo momento as medidas de seguridade sanitaria e de distanciamento social.

A FRAVM dixo que as mobilizacións son froito do malestar xerado nos barrios máis humildes por unha "xestión desastrosa" da pandemia da Covid-19 á que se suman "décadas de abandono institucional dos nosos gobernantes".

Na tarde deste mesmo domingo estaba prevista unha asemblea veciñal co fin de "acordar posturas e accións unitarias" para os próximos días. O alcalde de Madrid, o popular José Luis Martínez-Almeida, criticou as concentracións argumentando que "non hai madrileños de primeira e de segunda", e cualificou de "profundamente irresponsábel" este tipo de concentracións.

A postura do rexedor contrasta coa sostida en primavera, cando enmarcou no "dereito de protesta" as manifestacións que se desenvolveron milla de ouro de Madrid contra o confinamento decretado daquela polo Goberno do Estado. "Nós desde logo entendemos que se produzan esas protestas, calquera persoa pode manifestar o seu acordo ou desacordo", dixera na altura.

A partir desta segunda feira ficará restrinxida a mobilidade en 37 zonas básicas de saúde, localizadas en seis distritos da capital española. Estará limitada a entrada e a saída nestas zonas salvo para cuestións básicas, como os desprazamentos ao lugar de traballo ou a centros sanitarios, a unha citación xudicial, coidado de persoas dependentes ou para ir ao colexio.

"Control e seguimento de viaxeiros", pide Cerna

Por outra banda, ante o temor a que se produza un desprazamento desde Madrid a segundas vivendas, similar aos acontecidos na primavera durante a primeira vaga da pandemia, a formación política Cerna solicitou á Xunta a través dun comunicado difundido aos medios que tome "medidas drásticas de control da pandemia" para "protexer as persoas residentes no noso país, en boa medida convertido nun xeriátrico en amplas áreas da nosa xeografía".

"Pedimos o control e seguimento de viaxeiras que entren en Galiza coas medidas pertinentes: probas PCR, toma de temperatura e obrigatoriedade do rexistro de destino", afirman, e engaden que "as autoridades galegas deben se valentes e protexer á nosa poboación cunha razoábel contención da importación de contaxios tanto dende España como dende Portugal".

Ademais de aseverar que os "recortes matan", criticando a falla de investimentos en persoal laboral e medios, Cerna incidiu na necesidade do "control das fronteiras galegas sometendo á corentena aconsellada polos expertos as persoas procedentes de áreas con alto índice de contaxio e adoptar no interior medidas de control das aglomeracións".

"Hoxe, co descontrol e caos sanitario no que se atopa a Comunidade de Madrid que pasou a ser a área de maior índice de contaxios de toda Europa, e ante as anunciadas medidas de restrición de movementos anunciados para o vindeiro luns, provocando un novo éxodo cara outras zonas ─como xa aconteceu na primeira─, o Goberno Galego debe tomar medidas de protección da poboación galega", sosteñen.

Comentarios