Valga homenaxea a corporación democrática destituída en 1936

Os colectivos que conforman a Memoria Histórica de Valga farán restitución simbólica da corporación municipal. O acto terá lugar este domingo no salón de plenos da casa consistorial de Valga.

Illa de San Simón e Ría de Vigo_Turgalicia
photo_camera O alcalde de Valga estivo preso na illa de San Simón antes de ser fusilado en Monteporreiro

Un dos efectos inmediatos do alzamento franquista de 1936 en Galiza foi a destitución das corporacións municipais democráticas dos concellos galegos. Unha medida ‘manu militari’ acompañada nas máis das veces pola represión e mesmo asasinato de alcaldes e concelleiros. Valga, un municipio de 6.000 habitantes que fai parte da comarca de Caldas, non foi unha excepción. O alcalde, Celestino Carbia Campaña foi fusilado en Monteporreiro. Tiña 39 anos. Enterrado no cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, a súa familia logrou traer os seus restos en 1977 ata o cemiterio de Cordeiro, onde repousan dende entón.

Oito décadas despois do alzamento franquista, A Asociación Cultural de Cordeiro, a Asociación cultural Os Penoucos, as Xuventudes Socialistas de Valga, o PSOE e a Galería de Estudos do Baixo Ulla impulsan un acto para a reparación simbólica da memoria das persoas que, “exercendo o seu labor como representantes do pobo por elección democrática, logo do golpe de estado do 18 xullo de 1936 sufriron o conseguinte cesamento e dura represión a mans do aparato fascista e usurpador franquista”.

O acto decorrerá no salón de plenos do Concello de Valga ás 12 :00 horas do domingo, 30 de xullo. “Terá carácter reivindicativo da xustiza á memoria destes veciños e ás súas familias, da reparación dos agravios cometidos contra a dignidade individual e colectiva e da verdade, para que remate o cínico ocultamento dos feitos ás xeracións posteriores”.

Comentarios