Imprimir

Valentín González Formoso: "Non nos escondemos detrás da falta de competencias"

M. Obelleiro | 23 de febreiro de 2021

Valentín González Formoso, no seu despacho da Deputación da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)
Valentín González Formoso, no seu despacho da Deputación da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)
A Deputación da Coruña centrou no colectivo de persoas autónomas e no ámbito do benestar as actuacións desenvolvidas para paliar a crise provocada polo coronavirus. Nun contexto "sen axuda" da Xunta da Galiza e coa negativa do Goberno galego a crear unha mesa institucional que dese unha resposta conxunta, o ente presidido por Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, reorganizou os orzamentos para dar resposta á situación. 

Que destacaría das medidas adoptadas pola Deputación para paliar a crise da Covid-19?

Por unha banda están as axudas ao sector hostaleiro e ao comercio, e tamén dedicamos fondos ás necesidades en política social das entidades locais e aos colectivos máis desfavorecidos. Empregamos diñeiro que estaba orientado a un exercicio ordinario, sen pandemia, mais deuse un debate positivo e construtivo, que nunca esquecerei, e priorizamos estas axudas, facendo sacrificios en distintos eidos. Conseguimos 15 millóns en tempo récord a pesar de que tivemos que pedir permiso á Xunta por falta de competencias, o cal nos atrasou bastante.

En paralelo fomos quen de responder cun plan específico de reforzo dos servizos sociais dos concellos, tanto de contratación como de equipos de protección individual para a atención ao público. Non tivemos ningunha axuda da Xunta da Galiza, mais aínda que hai que denuncialo, non nos escondemos detrás da falta de competencias.

Hai case un ano dirixiuse a Feixoo solicitándolle a posta en marcha dunha mesa institucional que coordinase todas as políticas de axuda fronte á pandemia e non recibiu resposta. 

Pedimos que convocase as entidades con orzamentos importantes e representativas de todo o arco administrativo para coordinar as accións de axuda. Non ten sentido que lle paguemos tres veces o arrendamento dun local a un hostaleiro e non outros custos que ten mes a mes porque a ninguén se lle ocorreu. Aínda así, como non obtivemos resposta, fomos quen de pór en marcha esa liña de axudas, que sumou 20 millóns de euros nunha institución que ten 183 de orzamento. Foi un esforzo moi importante.

Así como a sociedade está preocupada polo realmente importante, que é a saúde, e as incertezas de cara ao futuro no ámbito laboral, a representación política segue parapetada no partidismo, en analizar a situación desde un ámbito de rédito político. A sociedade espera de nós algo máis. Só hai un ámbito salvábel: a política municipal, onde a proximidade á cidadanía é tan intensa que obriga a priorizar os intereses dos veciños a respecto das forzas políticas.

A Xunta seguramente fixo unha análise política da situación e ao non gobernar nas cidades, en tres das deputacións nin na Delegación do Goberno estatal, ía verse moi solitaria e quizais pensou que esa fotografía non lle conviña politicamente. É así de triste a análise.

A pandemia coincidiu cunha grave crise industrial da que son bo exemplo o fechamento das centrais das Pontes e de Meirama (Cerceda) ou de Siemens-Gamesa nas Somozas. Por onde debe camiñar a política industrial?

Galiza ten un potencial enorme nalgúns eidos das enerxías renovábeis, unha das tres liñas claras dos obxectivos económicos da UE. Os recursos naturais que ten Galiza deben estar enriba da mesa, sobre todo para dar resposta ao reto da transición enerxética e como elemento de xeración de actividade. O desenvolvemento eólico non pode ser un escenario de amiguismos onde as grandes compañías ou as pequenas se dediquen unicamente a obteren beneficios sen participación de ningún tipo da sociedade galega e que os beneficios se declaren nun domicilio que en moitos casos está fóra da nosa comunidade. Debemos facer un esforzo conxunto, cunha visión a longo prazo, do sector e aprender dos erros cometidos no pasado. Aquí houbo 75 fábricas de compoñentes eólicos das que non quedan nin un terzo, e cun futuro complicado. Temos a tecnoloxía eólica, a do hidróxeno vinculado como soporte de almacenamento a esa enerxía eólica e unhas universidades que poden dar resposta pública a ese coñecemento necesario para que o tecido produtivo non dependa unicamente do custo laboral para ser competitivos.

A Deputación da Coruña estivo á cabeza da loita pola devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás. Como valora a recente resolución da Audiencia da Coruña que abre a vía a indemnizar a familia Franco e a decisión do Goberno do Estado de non recorrela?

Sen entrar a valorar o aspecto técnico-xurídico, que seguramente está máis que fundamentado, así como a sentenza engarzaba coa opinión maioritaria da sociedade, esta resolución apártase da percepción da cidadanía. Non tería sentido que haxa que indemnizar a familia que desfrutou indebidamente durante décadas do espazo. Imos valorar as opcións que temos para recorrela. Estamos valorando tecnicamente se existe algunha opción para facelo. En calquera caso, respectamos a resolución da Audiencia pero non compartimos que haxa que indemnizar a familia.

En relación á Avogacía, entendo que fai unha análise técnico-xurídica da sentenza e por tanto hai que respectar o posicionamento, ao igual que respectamos a Avogacía do Estado na demanda porque compartiamos obxectivo. Á sociedade non a representa a Avogacía do Estado, senón as institucións e temos que pórlle voz.

Cal é a chave da sintonía do Goberno de coalición entre PSdeG e BNG na Deputación da Coruña?

Por unha banda está a teoría, que fundamenta a consolidación deste proxecto, e é a visión progresista das institucións. Coincidimos en modernizar todo o aparato administrativo que ten o país para o pór ao servizo da cidadanía. E por outra banda, a política fana as persoas e non as siglas e a xenerosidade é un motor para que as cousas funcionen. 

Se o PSOE tivese a sorte de obter maioría absoluta para o próximo mandato, o proxecto seguiría exactamente igual. Seguiríamos contando co BNG na conformación deste Goberno porque funciona moi ben. Temos dúas visións distintas en diferentes aspectos, pero son moi enriquecedoras. Hai grandes achegas froito do Goberno, como o Plan único ou o Plan de emprego local e todos os reforzos no ámbito social e no cultural que puxemos en marcha pagan a pena. É un modelo perfectamente extensíbel a outras institucións.

O PSC experimentou unha importante suba en votos e escanos nas eleccións catalás. Que valoración fai dos comicios e que conclusións debe sacar dos mesmos o PSdeG?

Estase a propiciar unha negociación desde a esquerda, que desde o meu punto de vista é o que debe facerse, pois hai un certo esgotamento -proba disto é a baixa participación- coa situación de tensión que vive Catalunya. Buscouse refuxio nun PSC que durante moitos anos foi quen de conciliar os dous mundos, o independentismo e os antiindependentistas. 

Catalunya é o motor económico do Estado e hai que facer un esforzo de recoñecemento dun territorio que lle leva achegado moito ao resto do territorio. Mentres non se lle recoñeza ese papel a Catalunya, é difícil a reconciliación completa. Entendo que a opción progresista debe prevalecer fronte ás aspiracións independentistas, por moi lexítimas que me parezan.

O seu é un dos nomes que soa para relevar Gonzalo Caballero á fronte do PSdeG após o vindeiro congreso do partido. Daría o paso?

O PSOE é un partido moi vivo, cun debate interno, que se desenvolve de forma discreta, mais é un momento moi delicado. A sociedade está moi preocupada por sobrevivir a unha pandemia que leva por diante miles de persoas e que afecta enormemente sectores chaves da economía. 

As cousas teñen o seu tempo e agora todos estamos centrados en pór todos os recursos que temos para responder a esta pandemia e, por tanto, esa é a miña prioridade a día de hoxe. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/valentin-gonzalez-formoso-non-nos-escondemos-detras-da-falta-competencias/20210222194905116349.html


© 2021 Nós Diario