Valdeorras concéntrase contra a política de incendios da Xunta

Os convocantes criticaron a falta de prevención da administración autonómica, a descoordinación de dispositivos e instaron á Xunta a derrogar a Lei de Montes. A protesta convocada pola 'Alianza por un Medio Rural Galego Vivo' (integrada por CIG, FRUGA, ADEGA, e ORGACCMM) foi secundada por centos de persoas ás que se sumaron organizacións coma o BNG e o PSOE local.

O portavoz da Alianza, Anxo Pérez Carballo, criticou á Xunta por “abandonar o noso medio rural e condenaren aos nosos montes”. Logo de lembraren as palabras do ex-conselleiro de Medio Rural Samuel Juárez, cando afirmou que “o medio rural galego estaba condenado a desaparecer”, Pérez Carballo condenou o “abandono das tarefas de limpeza dos montes por parte da Xunta, a que tamén impediu que os concellos a fixeran” asemade, engadiu, que o goberno galego “recortou drásticamente tanto en persoal coma en medios, alén de privatizaren determinadas tarefas da extinción chegando a haber até 4 empresas diferentes que non se coordinan cando máis falta fai”.

O delegado da CIG de Valdeorras, Adriano Brito, tamén se pronunciou ante a catástrofe, incidindo tamén na importancia das tarefas de prevención, “o caos e a falta de ordenación do monte, a ausencia de políticas preventivas, e o desmantelamento da economía produtiva, da actividade agrogandeira e o abandono do medio rural son causas indiscutíbeis dos incendios forestais.”

A solidaridade cos afectados, nomeadamente aqueles que perderon as súas vivendas, foi o común denominador das organizacións representadas. Tereixa Paz, deputada do BNG no Parlamento Galego, así o expresou. Asemade, anunciou que presentará proposicións non de lei no Parlamento para que se derrogue a nova lei de montes sacada adiante só cos votos do PP. Logo de incidiren na importancia das políticas preventivas, destacou que o BNG solicitaría axudas non só para os estragos públicos coma o Punto Limpo barquense, o paseo que unía Viloira con Coedo ou a Planta de Compostaxe, senón tamén para as empresas afectadas polo lume e, nomeadamente, para todos aqueles particulares afectados e que se viron sen vivenda e sen explotacións agrogandeiras.

O Responsábel Comarcal do BNG en Valdeorras, Manuel Agra, criticou ao PP local que “fica desaparecido e semella estar alleo á desgracia acontecida nas aldeas do Barco, onde houbo xente que quedou sen vivenda”. As críticas de Agra, foron dirixidas directamente ao presidente da Xunta de Galiza, ao que criticou “por que non se pode cambiar a política de prevención dos lumes por dous coches oficiais para viren dar o pésame”. Sentenciou que “non pode facerse un plan de prevención unha vez comezados os lumes e en pleno agosto, cando até o momento a prevención que lles valía era a choiva”.

Outro dos que asistiu á concentración foi o alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, que pese a seguir o incendio a pé de lume durante horas, foi criticado pola veciñanza por “ter aproveitado o tirón dos medios para posar cos conselleiros. Non pode facerse oposición pola mañá, e posar co goberno pola tarde” asegurou Sofía Carril.
García dixo que “despois de que pase agosto” se porían mans á obra “tentando atopar solucións para poñer en valor o monte e facelo produtivo”, asemade, “farase a valoración dos danos non só daqueles producidos ao Concello, senón tamén das edificacións particulares para buscar un diálogo coa Xunta”.

Comentarios