Vacinas chinesas, táboa de salvación para os países en desenvolvemento

A infraestrutura que requiren as vacinas das farmacéuticas dos países occidentais fai máis viábel as elaboradas na China, cuxo Goberno xa enviou millóns de doses a numerosos países. 
EuropaPress_3518044_14_january_2021_china_taiyuan_nurse_prepares_shot_of_covid-19_vaccine_at
photo_camera Unha enfermeira prepara unha inxección coa vacina contra a Covid-19, na cidade chinesa de Taiyuan (Foto: TPG / Zuma Press)

Indonesia e Turquía iniciaron esta semana a campaña de vacinación con elas; Brasil farao nas próximas datas; e mesmo un Estado da UE como Hungría ─que recibiu na quinta feira o visto bo de Bruxelas─ aposta polas vacinas chinesas contra a Covid-19. 

O Goberno da China está a tomar a iniciativa nos países en desenvolvemento fronte aos Gobernos occidentais, centrados en superar as complicacións para inocular a súa propia poboación. A comunidade científica considera que os datos ofrecidos sobre a efectividade das vacinas chinesas é inconsistente, mais desde as farmacéuticas do país asiático atribúeno a cuestións metodolóxicas.

Segundo os resultados publicados no Brasil esta semana, a vacina de Sinopharm, a CoronaVac, ten unha eficacia de 50,4%, lonxe da demostrada polas elaboradas por Pfizer/BioNTech ou Moderna. Non obstante, a necesidade de vacinar millóns de persoas nos países máis desfavorecidos fai da porcentaxe alta abondo, polo menos para evitar os casos máis graves da Covid-19, onde si que está a mostrar máis efectividade. 

Ademais, as vacinas chinesas mostran unha gran vantaxe con respecto ás de Pfizer/BioNTech e Moderna: pódense conservar a temperaturas alcanzadas con refrixeradores de uso corrente, mentres que as segundas requiren dunha infraestrutura inexistente en países como os do continente africano. Esta vantaxe fai que, por exemplo, Turquía conseguise vacinar nun só día 200.000 persoas, máis que a maioría dos Estados membros da UE en tres semanas.

Segundo informa Reuters, Beijing xa enviou millóns de doses da CoronaVac a numerosos países e traballa na manufactura da vacina elaborada por Sinopharm. Na propia China, unhas 10 millóns de persoas foron inoculadas até o momento.

Atraso de Pfizer

As dificultades que supón o proceso de vacinación exemplificáronse onte co anuncio de Pfizer. A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou que recibira garantías expresas da farmacéutica estadounidense a respecto da sub-

ministración a tempo de todas as doses para este trimestre, a pesar do atraso no reparto que a firma anunciou que haberá durante unhas semanas.

Fíxoo nunha conferencia de prensa desde Lisboa, onde viaxou para marcar o inicio da presidencia de quenda de Portugal do Consello da UE. En todo caso, o primeiro ministro portugués, António Costa, que compareceu canda a Von der Leyen, considerou que este incidente debe facer reflexionar os 27, aos que pediu que teñan en conta que o proceso de inmunización "levará meses". 

Convén, engadiu Costa, que cada Estado membro prevexa o impacto no seu plan de vacinación de "incidencias" nos niveis da cadea, para evitar que outros problemas compliquen a estratexia. A modo de exemplo dixo que Portugal creara unha reserva de segundas doses para asegurar que quen recibiu a primeira recibe a seguinte nos prazos seguros.

'Pasaporte' da Covid

Por outra banda, Von der Leyen dixo que cría que sería unha "boa idea" contar cun certificado mutuamente recoñecido a nivel comunitario que "facilitase a vida" á cidadanía xa vacinada contra o coronavirus. Porén, sinalou que pensa que é unha reflexión con implicacións xurídicas e políticas que deben ser discutidas primeiro polos Estados membros.

A idea xurdiu do primeiro ministro de Grecia, Kyriakos Mitsotaki, que solicitou que se puidese viaxar dentro da UE contando con este 'pasaporte'.

Comentarios