Opinión

Vacina

Como se está desenvolvendo a vacina do coronavirus? Aínda que a todos se nos faga longuísimo, o certo é que a investigación para creala está a acontecer a unha velocidade antes nunca vista. As vacinas son, xunto coa hixiene e o tratamento de augas, o invento humano que máis vidas salvou ao longo da historia. O principio da inmunidade é coñecido dende a Antigüidade: certas enfermidades, unha vez se padecen, xa non se volven dar no mesmo individuo, aínda que teña contacto con outro suxeito transmisor. Ademais, se existen varias formas da enfermidade, un tipo “leve” pode previr o padecemento da forma máis grave. Isto observouse por exemplo na tuberculose bovina, que ao padecela inmuniza contra a forma humana da enfermidade, sen a letalidade desta. Aínda que o coñecemento destes procesos era puramente observacional, na actualidade coñecemos o mecanismo subxacente á inmunidade e podemos empregalo para crear vacinas máis seguras e eficaces. O noso organismo crea anticorpos específicos contra un axente externo, que chamamos “antíxeno”. Isto é caracteristicamente unha proteína, que pode atoparse na envoltura externa dunha bacteria, na cápside dun virus ou noutros produtos naturais, como pole, pelo de animais, alimentos... Estes poden ser identificados erroneamente como intrusos e provocar así as reaccións alérxicas.

No caso do coronavirus, a diana máis eficaz para crear a futura vacina parece ser a proteína S da superficie da cápside viral. Para que entre en contacto coas células defensivas do noso organismo barállanse varias opcións. A primeira e máis obvia é crear un virus “falso”, idéntico por fóra pero sen capacidade infecciosa, parecido ás vacinas creadas con virus mortos ou atenuados. A segunda, é coller a proteína S illada e presentarlla ao sistema inmune noutro vehículo. Para isto, as opcións son diversas: cápsides virais modificadas xeneticamente, espirais de ADN que codifiquen a proteína ou células artificiais que produzan microesferas desta proteína e as liberen no organismo. Cada opción ten os seus pros e contras; neste caso concreto, a variable principal será o tempo: a mellor vacina será aquela que, sendo eficaz, chegue con máis celeridade e sexa doada de distribuír e administrar.

Comentarios