As vacas volven ao Obradoiro contra a sanción ao gandeiro da Sionlla

Malia a forte chuvia mais coa protección dos soportais de Raxoi,  as vacas volveron á Praza do Obradoiro para reclamaren a retirada da sanción ao gandeiro da Sionlla por ter suxado as pistas co seu gando. As persoas participantes na concentración, convocada por BNG e Fruga, mostraban carautas de vacas. 

Concentración no Obradoiro
photo_camera Concentración no Obradoiro

“Vacas si, multas non! Producir non é delinquir!”, foron algunhas das lendas que se sentiron ás portas do Pazo de Raxoi antes de comezar o pleno ordinario do mes de xaneiro. Persoas con carautas de vacas, convocadas por BNG e Fruga reclamaban desta maneira a retirada da sanción ao gandeiro da Sionlla que foi denunciado por ter suxado as pistas do concello co seu gando. 

"Santiago está declarada como Zona de Especial Interese Agrario, e estas vacas están no rural", sinalou a concelleira nacionalista Elvira Cienfuegos  a defensa do dereito á produción gandeira no concello. Tamén Manuel Dacal, da Fruga, avogou polo dereito do gandeiro de que as súas vacas “transiten pola pista do prado á explotación agraria”. 

"O problema non é que as vacas ensucien a pista, o problema é que non queren as vacas en Santiago", explicou Jorge Piñeiro, o gandeiro da Sionlla sancionado cunha multa de 500 euros. 

O concello de Compostela segue sen responder ao recurso presentado polo gandeiro coa petición da retirada da sanción. Para o BNG trátase  dun “novo e inaudito ataque á produción agrogandeira, sector estratéxico no noso país".

Comentarios