Opinión

Vacas, eucaliptos e PDR

Se NÓS non o impedimos, en apenas dez anos asistiremos á metamorfose das vacas.


Se NÓS non o impedimos, en apenas dez anos asistiremos á metamorfose das vacas. A metamorfose das vacas en eucaliptos. No canto de pacientes herbívoros a pacer nos prados, veremos cómo medran as sombras envelenadas. O triste devalar dos nosos recursos naturais. Da senlleira ilusión do Seminario de Estudos Galegos, de Rof Codina, de Acruga, de Ternera Galega e de tantas outras tentativas de ordenar, racionalizar e modernizar o noso sector gandeiro. Un esforzo titánico, para morrer alá entre Marín e Pontevedra, onde a beiramar se chama Celulosas.

Que o fin último do colonizador é que o colonizado pense, sinta e consuma como o colonizador, sendo na práctica un cidadán de segunda categoría, deixaronno escrito Memmi e Fannon hai muitos anos.  Mais nós, humildes galegos, somos de terceira. Podemos sentirnos mui listos e, de feito, profesamos ese credo. A nosa retranca, a nosa  sabeduría ancestral e a nosa “despensa brutal de alimentos”, como dixo un “chef” de Madrí,  permítennos obviar a dura realidade e ”vivir como galegos”, con orgullo, mais sen alardes, como ditan os modernos cánones mediáticos.

Hai uns meses, despois da manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (OGCCMM), Pepe de Sabarís, o seu presidente, é dicir, Xosé Alfredo Pereira, galego orgulloso a quen hai que erguerlle un monumento, díxome que o Programa de Desenvolvimento Rural que a Xunta levou á Europa viñera de volta debido á “revolta” dos empresários da madeira contra Tomás Fernández-Couto, secretário xeral de Medio Rural, que quería orzamentar os Infogas (planos galegos de combate contra incendios forestais) a conta dos cartos de Europa, enfraquecendo, segundo estes empresários, o “necesário orzamento do fomento forestal”. Así que a UE guindouno de volta para Galiza aducindo catrocentas e pico razóns e, sobre todo, “falta de consenso nos axentes sociais”. Varios meses despois, a UE levantou o veto. O 18 de novembro, hai apenas uns dias, a Comisión Europea aprobou finalmente o documento modificado. Vamos ter case 900 millóns de euros da UE para o noso medio rural.

O Programa de Desenvolvimento Rural que a Xunta levou á Europa viñera de volta debido á “revolta” dos empresários da madeira contra Tomás Fernández-Couto, secretário xeral de Medio Rural

E claro, eu, que non sei de Twitter nen de Facebook, pero que fago cada ano 40.000 km polas estradas e pistas do país, nada máis coñecer a nova do PDR, comecei a celebrar o meu réquiem particular polas muitas comarcas do país que haberán de caer. Porque confeso que me doe o peito cando vexo nas chairas de Teixeiro, Ordes, Santa Comba e Guitiriz, na Ulloa e na Terra Chá, nos outeiros do Xistral e do Careón, nas Terras de Burón e Meira, na Costa da Morte, no Deza, en Verín…, en centos de recantos do país, vexo cómo se reproduce esa  “punxente dor”.  Esa metamorfose da economía rural que comeza pola máis simple cavilación: “as vacas non dan, os prados hai que mante-los, qué vou facer, outra cousa non hai, poño eucaliptos”.

A maioría das explotacións de vacún de leite con menos de 50-60 vacas van pechar nos próximos dous anos. Se cadra, as que resistan e saiban adaptarse ao novo escenário tutelado pola indústria láctea  centroeuropea, han remontar. Poderíamos andar á procura de culpáveis. Mais non podemos esquecer a dura realidade. Temos vacas para producir máis leite do que bebemos, pescamos máis peixe do que comemos, producimos máis celulosa e quilovátios eléctricos dos que precisamos e así até confeccionar unha longa lista: granito, lousa, mexillóns, polbo, turba, area, lignito, vólfram, ameixas, viño, …. Un país con tal restra de recursos naturais é difícil de encontrar na Europa. E Galiza, ese país, situábase a finais de 2013 cunha renda per cápita do 83% da media da UE28.

Claro que podemos dicir: “somos un país rico empobrecido”, “temos recursos pero marchan para fora”, etc. Entón debemos lembrar as chaves do ladroízo moderno.
 
Desde 1992 até 2013, Galiza recibiu 25.000 millóns de euros dos fondos estruturais (Fondo de Cohesión, FEDER, FEADER, FEMP e Fondo Social Europeo). Os sucesivos gobernos de Fraga, Touriño e Feijóo xestionaron esa fortuna e á vista temos o resultado. Un país moderno e avanzado no borde da catatónia como povo diferenciado. Podemos apresentar unha mostra do xenuíno negócio clientelar auspiciado polos “arneiróns” do PP. A fins do século XX, a UE librou 4.000 millóns de pesetas para resolver, paliar ou amortecer o impacto do sector mexilloeiro nas rías galegas, non esquezamos que os mexillóns filtran máis de 5 litros de agua por hora e a produción diária de materia orgánica fecal nunha batea da ría de Arousa estímase en 31,6 kg, máis de  11 toneladas e media nun ano. Catro anos despois de suscrito o plano de axuda e sen a Xunta nen o sector teren feito nada de nada, a UE pediu contas. Na Xunta, coa habitual vehemencia mafiosa que agora mesmo atribúen aos gregos, chamou por un investigador pragmático e flexíbel da USC para que resolvese o problema coa UE. E a este mago ocorréuselle usar os detritus dos mexillóns para restaurar as minas de Touro. Un informe de equis miles de euros resolveu unha axuda europea de millóns que se filtrou, como o xurro das vacas nas leiras, polas artérias vitais do subsolo clientelar.

Un país con tal restra de recursos naturais é difícil de encontrar na Europa. E Galiza, ese país, situábase a finais de 2013 cunha renda per cápita do 83% da media da UE28

E agora chega, por fin, o PDR galego. Un total de 1.186,4 millóns de euros ao sumar as aportacións da Xunta (217 millóns) e do Ministerio de Agricultura español (79 millóns).

Esquemáticamente, este PDR estrutúrase e orzaméntase en base a seis prioridades.
 
A primeira, “fomento da transferencia de coñecimentos e da inovación na agricultura, a silvicultura e as zonas rurais”, cuxo orzamento se integra nas medidas concretizadas para as restantes  cinco prioridades. 

A segunda prioridade, “viabilidade das explotacións, competitividade e xestión sustentábel dos bosques”, dotada con máis de 315 millóns de euros.

A terceira prioridade, “fomento da organización da cadea alimentar, incluindo a transformación e a comercialización dos produtos agrícolas, o benestar animal e a xestión de riscos”, que disponibiliza máis de 135 millóns.
 
A cuarta prioridade, “restauración, conservación e mellora dos ecosistemas relacionados coa agricultura e a silvicultura”, que absorbe máis de 404 millóns de euros.

A quinta prioridade, “eficiencia dos recursos e paso a unha economía hipocarbónica e adaptábel aos cambios climáticos nos sectores agrícola, alimentar e forestal”, que conta con máis de 102 millóns.

E, finalmente, a sexta prioridade, “inclusión social, redución da pobreza e desenvolvimento económico nas zonas rurais”, que absorbe case 220 millóns.
 
Cada prioridade concrétase en obxectivos e medidas. E aquí é onde pasamos da ambigüidade das palabras á suspeita dos feitos. A fachendosa “transferéncia de coñecimentos e da innovación”, concretábase no rascuño do PDR apresentado pola Xunta en tres medidas: “transferencia de coñecimentos e actividades de información”, “servizos de asesoramento, xestión e sustitución das explotacións” e “cooperación”. Non fai falta ser un lince para nos decatar que estas medidas incluirían os coñecidos “cursos de formación” onde “cooperaban” empresas e alcaldes como, por exemplo, Adolfo Campos, o recentemente detido alcalde de Dozón. No rascuño da Xunta falaban de chegar  a 50.000 agricultores e 2.500 silvicultores.

Baixo a medida  08 Bosques, presente nas prioridades 4, 5 e 6, concéntranse nen máis nen menos que 305.280.000 euros. Máis de 300 millóns de euros para unha medida, “Bosques”, que no rascuño da Xunta incluía o “establecimento e mantimento de superficies forestais”, o “establecimento e mantimento de sistemas agroforestais”, a “prevención e restauración de danos causados por incendios, desastres naturais e catástrofes”, os “investimentos para aumentar a resiliencia e o valor medioambiental dos ecosistemas forestais” e os “investimentos en tecnoloxías forestais”. Toda unha declaración de intencións para un governo do PP que ten demostrado por activa e por pasiva o seu compromiso coa eucaliptización de Galiza, ben por medio do aproveitamento forestal como através dos cultivos enerxéticos para centrais de biomasa.

Quizás se deba investir nestes momentos bastante máis no esforzo pedagóxico, aproveitando a aparición do novo instrumento político chamado NÓS

Que non nos sorprenda a inclusión do finanzamento dos plantíos de eucaliptos no capítulo de “establecimento e mantimento de superficies forestais ou agroforestais” (forestación, 49,3 millóns) ou a do deseño e uso de drons para fumigar os gurgullos do eucalipto na medida dos “investimentos en tecnoloxías forestais” (53,4 millóns).

Para modernizar as explotacións agrárias, incorporando labregos novos, pretenden destinar 66,8 millóns de euros en apoiar os mozos e mozas que queiran instalarse no rural, cunha previsión de dar esta axuda a uns 2.000 novos “agricultores”. Menos dá unha pedra. Outros 166 millóns serán para mellorar as explotacións e 57,4 millóns máis para mellorar accesos. Estiman nuns 4.000 galegos os que poderán beneficiarse destas axudas para reestruturar e modernizar as instalacións agrárias e gandeiras. Uns cálculos oficiais ben pretenciosos, pois afirman que incidirá sobre un 4,93% das explotacións galegas. Serán as que sobrevivan á desfeita?

A necesidade da sublevación

Óbviamente, estas previsións poderían materializarse de continuarmos nun escenário no que a institución principal, o governo autonómico, responsável da execución deste PDR, segue en mans dun partido hematófago como o actual. Nesas circunstáncias, pouco se pode agardar que non sexa o lento esmorecer da nosa base produtiva, a dilución dos nosos elementos diferenciadores como povo e, paralelamente, a definitiva infiltración dun sistema alleo de coordenadas socio-económicas, culturais e emocionais que, como sabemos, alimentarán a emigración, a frustración, a marxinación e as tendéncias autodestrutivas das novas xeracións.

Mais agora, cando se estreita o cerco sobre a nosa base produtiva, alí onde residen os verdadeiros rasgos que definen a nosa nación, se cadra é o momento de afinar os instrumentos políticos cos que contamos para exercermos a nosa dignidade nacional e conquistarmos esa ansiada palleira onde se agochan os votos do mundo rural e traballador.
 
Sabemos que a partitura é o traballo constante, apresentando alternativas rigorosas para impulsar a nosa economía de forma autocentrada, procurando resolver as eivas que a lastran e ofrecendo perspectivas de finanzamento distintas ás habituais que perpetúan os desequilíbrios e a dependéncia do noso país. Quizás se deba investir nestes momentos bastante máis no esforzo pedagóxico, aproveitando a aparición do novo instrumento político chamado NÓS. Non estaba de máis elaborar unha visión radicalmente diferente do que podería ser este mesmo PDR que vén de aprobar a UE. Cómo gastar eses cartos para levantar un país. E acompañar as previsíbeis loitas e conflitos produtivos para expor, através dos correspondentes referentes sociais e políticos, estas alternativas que basculan unicamente na defensa irrenunciábel do noso.

Non acredito que reste algunha oportunidade para ir ás próximas autonómicas nunha candidatura galega única. É máis, suspeito que se pode alcanzar mellor resultado indo por separado, e non me refiro ao resultado eleitoral. Se NÓS cristaliza e se consolida, se logra levar a ilusión por algo novo ao noso mundo rural, mariñeiro e traballador, se incorpora os necesarios referentes independentistas, poderemos vertebrar a única e verdadeira alternativa de país. Entón, estaremos en condicións de porfiar en calquer escenário a calquer outra forza alternativa ao vampirismo popular dominante e poderemos acompañar a verdadeira sublevación que precisa este país, a única capaz a impedir a metamorfose das vacas. 

Comentarios