De Vacas: “Ao galego facíalle falta saír das parcelas máis clásicas”

De Vacas son o hype da temporada, o fenómeno do que todo o mundo fala nos últimos meses. Son un grupo vocal formado por Inés Salvado (A Marela), Paula Romero (A Morena) e Faia Díaz (A Pinta), acompañadas pola guitarra de Guillermo Fernández (Berrogüetto), que fan versións de grandes éxitos internacionais. Falamos cunha delas, con Faia, A Pinta. 

devacas
photo_camera De Vacas

- Por que De Vacas? De onde vén o nome?
- Esta é a pregunta maldita que nos custa responder, porque como case todo foi xurdindo de forma espontánea, pois o das vacas é porque un día comezamos a chamarnos así, e tamén porque nos gustan as vacas e nos sentimos identificadas con ellas, co seu ritmo lento e con toda a vinculación que ten coa nosa cultura e coa nosa contorna. Vivimos rodeadas de vacas, por que nós non imos ser unhas delas? (risos). Igual que temos referentes ás Spice, pois tamén temos referentes agrarios. E as vacas son especiais para nós.

- Como xurdistes logo?
- Nós somos da mesma quinta e compartimos iconas adolescentes, así que decidimos facerlle unha homenaxe ás Spice Girls e versionalas. A idea primixenia era versionalas vocalmente e posteriormente falamos con Guille, que se sumou ao carro. 

- Que vos achega Guillerme Fernández?
- A metade do traballo, nin máis menos. É unha figura superimportante. Apuntouse ao carro como o que máis, tamén a nivel de propostas musicais, abrindo un pouco máis o abano de posibilidades de temas e logo leva todo o peso instrumental, máis de arranxo instrumental das cancións. 

- Ti es a Pinta. Como Spice Girl quen eras? 
- Eu era Geri.

- Tiñades algún obxectivo alén de pasalo ben -que ese está clarísimo-?
- Eu creo que o obxectivo de entrada era pasalo ben, pero pouco a pouco as cousas vanse definindo e van collendo forma doutra maneira, tamén vendo a resposta do público e as posibilidades da formación. Ao final deviu nunha reformulación das nosas iconas da adolescencia porque cremos que ao mellor pode que falten iconos directos e cercanos para a xente nova ou referentes no que poder apoiarse, e gustaríanos ao mellor poder ocupar ese nicho. De entrada era un pouco cómica a proposta, pero vemos que pode ter un pouco máis de trascendencia máis alá do que nós mesmas criamos: non só iconos de adolescencia senón xerar novas propostas. 

- Agora en que punto estades? Porque xa estivestes en Luar, no Feito a Man, na Cidade da Cultura, no Festival Agrogay...
- Xa estivemos no Luar, agora iremos cara España e logo a Broadway (risos). Non temos pretensión de nada e por agora todo foi xurdindo de maneira moi orgánica. A idea é tocar en todos os lugares onde poidamos en Galiza e mover o espectáculo que temos e seguir facendo vídeos para colgar na rede, que é unha plataforma importante de difusión. 

- Valorastes facer un disco?
- De entrada a idea non é esa. Outra cousa é que vaiamos sacando novos temas que vaiamos colgando nas redes, pero o formato disco clásico por agora non temos pensado facelo. 

"A idea é tocar en todos os lugares onde poidamos en Galiza e mover o espectáculo que temos"

- Pola estupenda acollida, parece que á cultura galega lle veu moi ben que chegara algo de mainstream en forma de humor.
- Eu, persoalmente, creo que ao galego lle facía un pouco de falta saír das parcelas máis clásicas, que son necesarias, pero creo que é positivo poder ampliar o espectro e xerar outro tipo de referencias en galego que poidan ser máis distendidas ou máis frescas, que teñan algo de coña. Eu creo que era necesario, ten que poder producirse música en galego de todo tipo, que se poida bailar nas discotecas, nas verbenas e escoitar na casa. Creo que é necesario normalizar esas situacións. 

- Polo que lin, tedes unha relación especial con Enrique Iglesias. Explicádeo por favor. 
- É unha relación complicada pola distancia. El está en Miami e nós estamos en Compostela. Pero levámolo como podemos, ben, capeando o temporal na distancia. 

- Ademais de versionear un tema del, unha de vós participou no famoso videoclip de 300.000 euros. 
- Si, a Marela participou no videoclip de Carboeiro xunto con moitas máis rapazas que se foron á rave esta fantástica que montaron. De feito, no espectáculo facemos referencia a iso. Alí foi onde o coñecemos.

- Pero coñecédelo en serio?
- Non, non, é brincadeira, non tivemos oportunidade, pero igual un día destes lle enviamos o vídeo e igual contacta con nós e quere que lle fagamos os coros, non sei (risos). 

- Unha vez de pagarlle 300.000 euros, que menos que ter unhas coristas galegas. 
- O noso discurso era ese, a nós o alcalde de Miami pagounos 300.000 euros para facer a versión en galego e hai que rulala por aí, claro que si. (risos)

Comentarios