Uxía e Xabier Díaz cantan a Manuel María no seu aniversario

Esta terza feira 6 de Outubro Uxía e Xabier Díaz gravarán un disco ao vivo na Casa de Manuel María no 86 aniversario do seu nacemento. 

uxia-manuelmaria
photo_camera Presentación da gravación

O auditorio da Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acollerá esta terza feira 6 de outubro, unha actuación musical de Uxía que contará coa colaboración de Xabier Díaz e que será gravada e editada en CD. Será un concerto de carácter gratuíto que dará comezo ás 20 horas, con entrada libre até completar o aforo do auditorio (antiga palleira da casa natal do escritor). 

Este concerto é a forma que collerá este ano a xornada anual de amigas e amigos da Fundación, que desde o ano pasado acordaron instituír coincidindo coa data do nacemento do poeta. Esta xornada naceu para ser un espazo de encontro, fraternidade e diálogo entre o amplo grupo de persoas que ao longo do ano prestan un inestimábel apoio, humano e económico, ao sostemento da Casa-Museo e á actividade que a Fundación desenvolve. 

Este concerto será gravado ao directo para ser incorporado a unha inminente publicación de textos seleccionados de Manuel María. Malia a súa gratuidade, por razón de aforo do espazo, cómpre reservar.

Comentarios