Uxía e Narf comezan unha xira polos Estados Unidos

Volven de América Latina e agora inician unha nova xira por Estados Unidos coas súas “cancións da alma viaxeira” plasmadas no seu último disco, 'Baladas da Galiza Imaxiaria'.

narf-sentado-uxiadepe-apaisada
photo_camera Uxía & Narf

O disco 'Baladas da Galiza imaxinaria' naceu da primeira xira xuntos de Uxía e Narf por América Latina, reunindo temas clásicos do seu repertorio anterior e tamén algún novo. Agora comeza unha nova singradura para estes dous grandes viaxeiros da música galega, dous dos artistas que máis pontes tenderon, sobre todo nos países da lusofonía. A un ano da saída ao mercado do disco inaugurando o selo Damadriña Edicións, despois dunha xira pola Arxentina onde este proxecto tivo orixe, con grande éxito, ofrecerán varios concertos ao longo do mes de marzo e comezos de abril polos Estados Unidos.
 
O 1 de marzo arrinca esta nova xira na Universidade organizadora, a UCLA (University of California, Los Angeles), no Jan Popper Theater  cunha convidada moi especial: a lendaria cantante de blues e jazz Barbara Morrison. Este concerto, para celebrar o Día Mundial da Lingua Materna, inclúe tamén recitado de poemas en varias linguas e nel clausurarase a exposición de Lois Pereiro "Siluetas furtivas" en colaboración coa asociación Trabalingua da Universidade de Vigo. A xira foi organizada por Marina Carracedo, lectora de español MAEC/AECID no Departamento de Español e Portugués da UCLA, e apóiaa a SPAIN Arts and Culture e SPAIN-USA Foundation.
 
No seo da Universidade de California seguirán o día 2 no Riverside e o 4 na Merced, e tamén o 7 na UC Davis, en senllos concertos para a comunidade universitaria, ademais de pasaren o 3 de marzo pola Red Poppy Art House de San Francisco. Os días 12 e 13 de marzo estarán no Getty Museum, de Los Angeles, acompañados por António Zambujo, e o 16 na Casa Rondeña Winery, de Albuquerque. Será este un concerto moi especial, realizado a través de AMP Concerts, os promotores de músicas do mundo máis importantes de Novo México, nun viñedo e cunha cea especial galega. A continuación, xa o 20, estes viaxeiros recalan no Museum of International Folk Art (MOIFA), de Santa Fe.
 
O 22 estarán na Texas Tech University, de Lubbock; o 28, na escola Passim de música folk, no campus de Harvard, en Cambridge (Massachusetts); e o 29 no Berklee College of Music, Boston, escola de música de referencia nos Estados Unidos, onde se formaron músicos coma o pianista Abe Rábade. Este concerto faise a través do Mediterranean Music Institute. O día 30 van a outro dos epicentros da formación musical do mundo, a Old Town School of Folk Music, o centro de músicas do mundo máis importante de Chicago.
 
Xa o 2 de abril Uxía e Narf estarán no Roulette Theater, de Nova York, a través de Robert Browning Associates, o promotor de músicas do mundo máis importante da área neoiorquina, e fundador do World Music Institute. Por último, o 5 achegaranse á Brown University, pertencente á Ivy League, coma Harvard.

Comentarios