Para un uso correcto do galego: comeza o curso de lingua de Nós Diario

Desde hoxe, e durante tres semanas, coincidindo co mes das letras, Nós Diario vai desenvolver un curso de lingua galega para todos os públicos centrado na mellora de usos para, desta maneira, aproximarse a unha maior calidade de lingua.

capas
photo_camera Capa do xornal de hoxe e da primeira lección do curso.

Coincidindo co mes das letras, Nós Diario desenvolve un curso de lingua galega que busca contribuír a un uso mellorado do idioma. 

Este curso -composto por 15 leccións- e que se desenvolve nas catro páxinas centrais do xornal impreso, comeza hoxe, terza feira, 5 de maio. Nel ponse máis o foco en afianzar usos do que en ensinar gramática.

Nas primeiras entregas explícase o fenómeno da interferencia lingüística, que acontece cando as persoas falantes dunha lingua non teñen presente a norma propia por influencia da norma doutra lingua.

Castelanismos

Nesta primeira lección centrámonos neste fenómeno que acontece cando as persoas falantes dunha lingua se desvían da norma por influencia doutra. No caso do galego, é unha manifestación do conflito lingüístico co castelán, a lingua de contacto que no noso territorio goza dunha posición social preferente.

É hora de atallar todos eses castelanismos que afectan os usos sociais. Desbotemos *errores tan habituais como dicir *cumpreanos, *despacio, *soler, *ventana, *enterar, *plantexar, *convinte, *bueno, *vamos a ver ou *silla. Mellor non cometer erros cando temos expresións e palabras propias: aniversario, amodo, adoitar, ventá, saber, propoñer, conveniente, ben, imos ver ou cadeira.

Un curso para todos os públicos

Mais non é este un curso de sociolingüística, aínda que se utilice por veces terminoloxía desta ciencia. Trátase dun curso que se sitúa fronte aos usos máis habituais de todas e cada unha das persoas que empregan o galego quer na comunicación habitual quer en contadas ocasións e que teñen como meta coñecer e usar o amplo repertorio de formas de que a lingua dispón para cada situación de comunicación.

Ao longo do curso inclúense numerosos enlaces externos a vídeos, dicionarios e páxinas web mediante códigos QR co fin de introducir algúns exemplos a máis que non teñen cabida nas catro páxinas do caderno e que contribuirán a fornecer as lectoras e lectores de máis materiais.

Os 15 temas de que consta

Castelanismos, Cuestión de xénero, Pronunciarmos sen complexos, Uso e abuso dos pronomes, Interferencias lexicais, Interferencias sintácticas, Ortografía, Articuladores discursivos, De preferencia, Sen abusar, Falar e escribir ben, Futuro de subxuntivo, Fraseoloxía I e Fraseoloxía II son os temas en que se divide o curso, cuxo fío condutor son as interferencias lingüísticas, especialmente presentes nalgúns ámbitos e que teñen como consecuencia a deturpación da lingua propia e poden resultar moi negativas para a súa supervivencia. É por iso que convén atallalas. E é aí onde Nós Diario quere estar. A iniciativa quer contribuír a mellorar o uso e a calidade do noso idioma, así como a axudar a corrixir aquelas interferencias que dificultan o asentamento do estándar lingüístico.

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.


 

Comentarios