Urkullu baralla convocar eleccións en Euskadi para xullo

O lehendakari, Iñigo Urkullu, estuda convocar as eleccións vascas para o próximo mes xullo, cando se prevé que o risco de contaxio polo coronavirus estea nas súas taxas máis baixas. Nas últimas convocatorias, Feixoo optara por facr coincir os comicios galegos cos vascos. E agora?
O lehendakari Iñigo Urkullu (Imaxe Europa Press)
photo_camera O lehendakari Iñigo Urkullu (Europa Press)

Urkullu comparece esta mañá na Deputación Permanente do Parlamento Vasco, a petición propia, para dar conta da situación da pandemia en Euskadi. Na intervención, avanzou que convocará, a semana vindeira, unha Mesa de Partidos políticos para avaliar a Declaración de Emerxencia Sanitaria que decretou o pasado 13 de marzo e analizar a posibilidade de convocar as eleccións vascas no prazo de tres meses, antes de agosto. 

Un paso que ten importancia visto desde Galiza pois nas últimas convocatorias Feixoo optara por facer coincidir as eleccións galegas coas vascas. 

As eleccións vascas, como as galegas, foran adiantadas ao 5 de abril, mais a crise desatada pola pandemia de coronavirus obrigou a anular a convocatoria electoral, que até o momento permanece sen data en ambos os dous casos. As últimas citas electorais nos dous territorios coincidiron en data.

Urkullu trasladará á Mesa de Partidos os argumentos que apoian a nova convocatoria electoral. Segundo alegou, "todos os partidos políticos expresaron a súa solicitude de comparecencias ou de reunións, tanto no Parlamento como, por outra banda, con outros partidos en substitución dos grupos parlamentares".

Segundo anticipou, as hipóteses que manexan as Autoridades sanitarias sinalan que "o risco de contaxio pode estar nas súas taxas máis baixas no mes de xullo", mais o inicio do outono podería coincidir "cun rebrote da epidemia". Para o lehendakari, "esta previsión aconsella estudar a opción dunha convocatoria electoral no mes de xullo".

"A dimensión e profundidade da crise demanda contar, canto antes, cun Parlamento plenamente constituído e un Goberno en plenitude de funcións", argumentou Urkullu. "Sabemos que, tras a cita electoral, ábrese un período de semanas dedicadas á constitución do Parlamento e á conformación do novo Goberno. Facer coincidir este período co verán permitiría retomar canto antes a actividade nun momento fundamental para a execución do Orzamento deste ano e a aprobación das directrices económico orzamentarias do próximo", remarcou o lehendakari.

Comentarios