A UPG defende no seu XV Congreso un nacionalismo activo na sociedade

‘Autodeterminación para Galiza existir e avanzar’ é o lema sob o que a Unión do Povo Galego realizará o vindeiro 16 de febreiro o seu congreso nacional. Trátase do décimo quinto que convoca este partido nado en 1964 e integrado o Bloque Nacionalista Galego. Actualizar a análise do contexto social e político nacional e internacional e contribuír a fortalecer o soberanismo galego son algúns dos principais obxectivos que a UPG marca para este encontro. 

A UPG realizou o seu anterior congreso en 2016, na cidade de Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera A UPG realizou o seu anterior congreso en 2016, na cidade de Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)

A capital galega acollerá a décimo quinta cita congresual da Unión do Povo Galego, partido autodefinido comunista e patriótico, integrado no BNG e fundado en 1964 da man, entre outras referencias da loita nacionalista, do seu histórico dirixente Bautista Álvarez.

A UPG, cuxo secretario xeral é o deputado nacionalista Néstor Rego, xuntará en febreiro a militancia no Pazo de Congresos de Compostela para discutir as teses a debate aprobadas polo Comité Central e sometidas a emenda nas distintas asembleas de zona en que se estrutura este partido. Alén de analizar a liña política e organizativa que rexerá os pasos do partido no vindeiro período intercongresual, as bases tamén escollerán a nova dirección.  

O lema da cita, “Autodeterminación para Galiza existir e avanzar”, recolle a aposta pola soberanía nacional e a emancipación social que defende a UPG e renova o seu compromiso pola autoorganziación do pobo galego e polo dereito a este a decidir libremente o seu futuro.

Nós Diario tivo acceso ao documento base a debate, o cal  consta de 34 páxinas e dúas teses, unha política e outra organizativa. 

O partido nacionalista actualiza as súas análises sobre o contexto político nacional e internacional, reparando na hexemonía dos Estados Unidos e nas rivalidades entre as potencias capitalistas. Tamén trata o retroceso actual dos movementos populares e antiimperialistas na América Latina, a situación no Oriente Medio co aumento da presión dos EUA sobre o Irán ou o papel sempre agresivo da OTAN e o dunha Unión Europea que a UPG plasma como estrutura xurídico-política ao servizo do grande capital e contraria aos intereses das clases populares galegas. O auxe da ultradereita en Europa e as causas e consecuencias que a rodean son outros dos puntos que analizan as teses.

O feminismo, sinalan os textos, “é unha prioridade para o movemento nacional e popular galego”

Os textos da UPG consideran fundamentais as reivindicacións feministas e as mobilizacións ecoloxistas polo futuro do planeta. O feminismo, sinalan os textos, “é unha prioridade para o movemento nacional e popular galego”.

A cuestión nacional, no centro do debate

A UPG quer continuar a contribuír para fortalecer o nacionalismo galego de cara a “enfrontar os desafíos que ten por diante, desde o cuestionamento do modelo constitucional e autonómico”.

En canto á emancipación de clase, nun contexto como o galego, as teses remarcan que este obxectivo vai parello á loita nacional, reafirmando que “non é posíbel superar os antagonismos de clase na Galiza sen rachar co sometemento e sermos soberanas en termos políticos, económicos e culturais”. Desta maneira, a formación liderada por Néstor Rego formula o exercicio do dereito á autodeterminación como condición imprescindíbel para estabelecer un modelo económico e social favorábel ás maiorías sociais e avanzar cara ao socialismo.

Repara a tese política da UPG en como “o relato dunha idílica Transición (...) e Constitución española como texto inmutábel” perdeu peso, especialmente nas nacións sen estado e entre as xeracións máis novas. Nese sentido, considérase nos textos que os alicerces do réxime do 78 están hoxe máis cuestionados que no pasado, en medio dunha “crise de lexitimidade”.

A Unión do Povo Galego remarca que o nacional e o social van parellos

Nese sentido, a UPG tira entre outras conclusións do procés soberanista catalán a constatación da pobre cultura democrática do Estado español e a lección de que “sen a rebeldía de cuestionar leis inxustas non se conquistan dereitos fundamentais”. Tamén reparan en que “a esquerda española, lamentabelmente, non está disposta a xogar un papel diferente ao que xogou durante a Transición” e sinálana como “un dos alicerces básicos do actual réxime constitucional español”.

O caso catalán ilustra nas teses deste partido como “ningunha nación do mundo, en ningún momento histórico, alcanzou a plena soberanía sen contar con forzas propias que a reclamasen, exercitasen e antepuxesen a calquera outro obxectivo”.

Reafirmar o nacionalismo electoralmente

As actuais teses a debate tamén lembran as resolucións do último congreso realizado en maio de 2016, en Pontevedra, en medio dunha forte perda de votos do nacionalismo galego. Agora, cun BNG que recuperou corpo electoral e incidencia política, os textos remarcan que “a decisión de manter, fronte a todas as dificultades, o principio e a práctica da autoorganización, tamén no plano electoral (...) foi unha decisión absolutamente acertada, mesmo vital para a continuidade dun nacionalismo actuante socialmente e capaz de ir gañando apoios sociais e electorais”.

Seguindo as liñas das teses, para UPG o traballo institucional “ten sentido pleno e valor alternativo” cando vai ligado ao traballo na sociedade, “no seo do pobo”.

Coa independencia e o socialismo no horizonte

Os textos congresuais voltan a situar no obxectivo estratéxico a independencia nacional da Galiza “como paso previo” para a construción dunha sociedade socialista. Para esa andaina, reivindican necesario “facer pedagoxía” arredor de iniciativas que permitan avances ou ilustren a necesidade de mudar o marco.

A militancia e a formación

A segunda tese pula por actualizar o partido para fortalecelo “organizativamente, mais tamén política e ideoloxicamente” e chama a activar o conxunto da militancia para impulsar a súa participación no traballo nos movementos sociais e agrandar a presenza social do nacionalismo.

Reivindican tamén as teses a coherencia lingüística na militancia, indo desde o monolingüísmo e a defensa diaria do idioma até a galeguización dos nomes persoais e a restitución dos apelidos deturpados.

O compromiso de impulsar unha escola de formación é tamén unha das liñas que abrangue o punto formativo da militancia.

Comentarios