Juan Carlos Unzué (Iruña, 1967) ten esclerose lateral múltiple (ELA). El mesmo anunciou esta quinta feira, nunha comparecencia no Camp Nou, que ten esta enfermidade neuromuscular dexenerativa para a que a día de hoxe non hai cura.
O exadestrador do Celta e outros equipos (Girona,Numancia) e exporteiro (Osasuna, Barça e Sevilla) anunciou que deixaba o fútbol e que ía centrase na súa familia e na procura de recursos para axudar a atopar remedios para esta enfermidade.
Unzué detallou pausadamente o seu estado de saúde: “É unha enfermidade que non ten tratamento nin cura e que me afecta todas as extremidades”. Mostrouse forte: “Asegúrovos que o levo ben, estou forte mentalmente para convivir con ela e síntome un autentico privilexiado polo que me deu a vida até agora e polo que poida facr a partir de agora respecto a estas enfermidades, que parecen invisíbeis mais están aquí”.
“Fichei por unha nova equipa, a dos pacientes do ELA. Terei moitos compañeiros, por desgraza. Somos uns 4.000 neste país”, manifestou.
O anuncio xerou unha vaga de solidariedade para co navarro, que recibiu numerosas mostras de apoio nestas horas, entre outras do propio RC Celta.