Medalla Alberto Nepomuceno

A universidade brasileira do Ceará distingue a traxectoria de Cesáreo Sánchez Iglesias

A Alberto Nepomuceno (Fortaleza, 1864-Rio de Janeiro, 1920) correspóndelle, segundo os historiadores, a paternidade do nacionalismo na música académica brasileira. Tamén é o nome da medalla de mérito artístico da Universidade Estadual do Ceará, no Nordeste do Brasil, e que acaban de ser concedida ao poeta Cesáreo Sánchez Iglesias.
 

cesáreo
photo_camera O poeta e presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias. Foto: cedida.

A súa actuación “a prol da cultura, das letras e das artes galegas” valeulle ao tamén presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a distinción. A entrega do galardón será “no marco dos diversos eventos culturais e académicos en conmemoración do Día das Letras Galegas”. Estas actividades organízaas a Reitoría do centro canda o Núcleo de Extensión de Ensino de Lingua Galega do mesmo, entre o 20 e o 24 de maio de 2019.

Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951) ofrecerá unha conefrencia no curso de Letras da universidade, presentará a versión brasileira de Caderno do Nilo (2013) co profesor José Jackson Coelho Sampaio -no Cine Teatro São Luiz, de Fortaleza. O 24 de maio, ás seis da tarde, actuará Uxía, acompañada da Orquestra Sinfónica da Universidade do Ceará.

Autor dunha ampla obra poética iniciada en 1978 con Silencios e conversas de inverno (Editorial Celta) e cuxo último título é As bolboretas do Mekong (Xerais, 2018), Cesáreo Sánchez Iglesias é ademais un activista cultural de longa data, impulsor de numerosas iniciativas pola literatura galega e, como presidente da AELG, defensor dos dereitos das escritoras. 

Comentarios