BELéN PICHEL, PRESIDENTA DE ESCENA GALEGA

“A unión das compañías de teatro é histórica” 

Escena Galega duplicou o número de compañías asociadas en só uns días. Responde, segundo a súa nova presidenta, Belén Pichel, a un tempo novo no teatro galego, por vez primeira unido para sumar forzas e defender o seu futuro. Mercé Castro, Xoque Carbajal, Tatán Cuña, Xesús Ron, Areta Bolado e Artur Trillo acompañan a Belén Pichel na nova directiva da entidade. 

belen

-Que supón ese reforzamento de Escena Galega coa “acción colectiva” de ingreso de compañías?

Pois eramos 17 compañías asociadas e pasamos a 40. Trátase dun feito histórico porque, até o momento no se conseguira que toda a profesión estivera xunta. Mesmo compañías que levaban moitos anos de traxectoria eran reticentes a se incorporar. Cos acontecementos sociais que estamos a vivir nestes últimos tempos quixemos darlle un pulo a Escena Galega e convidar ás compañías a participar, o que coincidiu co movemento por parte delas que estaban falando ao tempo de unirse. 

-Nos últimos tempos desapareceron moitas compañías mais vostede fala de corenta grupos profesionais asociados. 

Non somos conscientes de que haxa tantas compañías, é certo. Coa miña compañía, Abrapalabra, percibín como no mundo do teatro portugués lle resultaba raro que foramos tantas, seguramente máis que en todo Portugal. Débese posibelmente a varias razóns, por unha parte  á falta de apoio ao teatro afeccionado no que algunha xente se podería sentir máis cómoda mais a falta de circuítos e apoio fai que opten por legalizarse como profesionais. Tamén o momento de crise que estamos a vivir, curiosamente, pode influír xa que antes as compañías podían contratar e agora é inviábel co que a moita xente a única vía que lle queda é montar as súas propias compañías como única maneira de traballar. 

-Á marxe dese incremento, a crise levou moitas compañías?

Quen aguantou estes catro anos foron heroes porque foron durísimos. Os recortes foron tremendos, non comparábeis con ningunha área. No primeiro xa nos meteron un do 30% e moitas compañías tiveron que deixar os locais e mesmo vender material que tiña, e outras, claro está, desapareceron. 

"A rede está desmantelada, o número de funcións é mínimo. A media das compañías está a ser de seis funcións nun semestre e iso non dá para se manter". 

-Agora destacan que van optar pola organización e desbotar un discurso queixoso da situación. 

É a nosa postura. Deixar ao lado esa queixa continuada para pasar a transmitir un discurso ilusionante. A nova directiva leva pouco tempo no cargo mais traballamos arreo e abrimos grupos de traballo para facer propostas concretas, para a vindeira feira, sobre o modelo de subvencións, para a proxección exterior do teatro galego...En certa medida, volvemos a como cando se iniciou o teatro profesional, cando as compañías ían coas súas furgonetas e facían de todo. Vivimos unha volta de vinte ou trinta anos. Queremos, de todas maneiras, transmitir a enerxía que temos neste momento por estar xuntos e traballar polo noso futuro, non só protestar. 

-Cara onde se van encamiñar esas propostas?

Recibimos unha carta de Feijóo instándonos a mandarlle propostas para mellorar o sector. Chamounos a atención e pareceunos paradóxico porque xa levamos mandando tres ou catro anos e non lle prestaron demasiada atención. Mandámoslle, por exemplo, a AGADIC unha proposta de espazos que tiñan que estar na rede e non o fixeron co cal nós queremos facer contactos cos propios concellos. A rede está desmantelada, o número de funcións é mínimo. A media das compañías está a ser de seis funcións nun semestre e iso non dá para se manter. 

-Entre esas propostas, dirixen a atención cara a situación do Centro Dramático Galego, antes chamado “buque insignia do teatro galego”?

O CDG hai anos que está nesa situación de crise e nós pensamos que ten que ocupar un nicho diferente ao das compañías privadas. Que estea a producir espectáculos con catro ou seis actores non ten sentido e non é só o número do cadro artístico senón tamén os textos que leva a escena. Hai tempo que o CDG non cumpre o papel para o que foi creado e a isto engádese a dimisión do director, Manuel Guede. Desde a Xunta anunciaron que sacarán unha convocatoria para reemplazalo mais o problema non está só na propia dirección. 

Comentarios