Imprimir

Sobre a unidade, Beiras di que “pasou” o tempo das negociacións en pé de igualdade

Redacción | 24 de xaneiro de 2016

Malia advertir que se manteñen as “portas abertas” da Marea, o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, advirte de que o tempo de negocicións en condicións de igualdade “pasou”.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Beiras advírtelles aos colectivos e grupos políticos que queiran integrarse na Marea de cara ás eleccións galegas que deberán facelo sen condicións, pois o tempo de negociacións en condicións de igualdade “pasou”.

Desta maneira, o portavoz nacional de Anova transmítelles aos colectivos que queiran formar parte da Marea que deberán integrarse “asumindo as pautas” do proxecto. “Non imos rediscutir cales son as pautas das mareas”, insistiu.

Beiras salientou que o importante "é que En Marea se relance a nivel de escenario galego para as eleccións lexislativas galegas". Para iso, emprazou a coordinadora de En Marea a tomar a iniciativa para convocar "un grupo de traballo que empece a facer unha alternativa política e programática".

Preguntado polo Bloque, Beiras asegurou que na a formación frontista non é útil para o cambio político. Lembrou que o BNG rexeitou en diferentes citas electorais, desde o 2012, concorrer con outras forzas. "Está teimosamente fechado nun isolacionismo", afirmou respecto da formación nacionalista.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/unidade-beiras-di-pasou-tempo-das-negociacions-pe-igualdade/20160124173801044290.html


© 2020 Nós Diario