Compostela desde dentro

Unha guía para outro turismo

Alvarellos publica Santiago de Compostela desde dentro, unha guía turística escrita pola escritora e bióloga Marilar Aleixandre. Fronte a outros documentos menos conscientes, pretende ofrecer unha visión máis achegada á dos propios picheleiros, con alternativas de turismo sustentábeis ecolóxica e economicamente, así como respectuosas coa vida cotiá da cidade.

[Foto: Galipedia] Hostal dos Reis Católicos na Prazas do Obradoiro
photo_camera [Foto: Galipedia] Hostal dos Reis Católicos na Prazas do Obradoiro

A idea da guía parte dunha proposta da editorial a Marilar Aleixandre que xa en 2009 fixera Terras de Compostela, dentro dunha liña de guías que propuñan unha visita diferente a distintos lugares da nosa xeografía, a través da literatura. En Santiago de Compostela desde dentro Aleixandre intenta descubrir as capas superpostas da cidade, comprometida tamén co relato, como revela no limiar: “o que somos depende de como nos inventamos e tanto ten que a historia sexa ou non verídica sempre que estea ben contada”.

A autora intenta reflectir outras persoas, outra memoria. “Hai que falar da Catedral, do pórtico, que ademais agora está coa policromía”, di, pero tamén presta atención ao que habitualmente fican fóra das guías, como a figura de Ánxel Casal en Compostela, que non foi só “un alcalde axustizado polo franquismo, senón que significou moito para a vida cultural”. Ou, por exemplo, a historia do “Home Santo”, Xoán Tuorum, quen realmente foi un ferreiro rebelde axustizado polo arcebispo Berenguel de Landoira.

Turismo sustentábel

Concílianse no texto a Compostela histórica que sobrevive baixo a pedra e a que se recrea sobre ela hoxe en día, cara á que a guía pretende estabelecer un retrato fiel e comprometido coa súa identidade. Por iso, anima a non perturbar o descanso dos habitantes ou hospedarse en hoteis que contribúan ao desenvolvemento económico da zona. Fai fincapé na necesidade de apoiar un turismo que respecte o tecido social e económico. A idea da guía foi proposta do editor Henrique Alvarellos, inspirándose nas doutras de cidades, como Bruxelas, que tamén tiñan esa idea de sustentabilidade.

Os consellos que incorpora neste senso recóllense nunha listaxe de nove recomendacións, xa que Aleixandre foxe dos decálogos: “ás mulleres nunca nos foi ben con eles”, afirma. A maioría son “cousas obvias, como non poñer cadeados na catedral, pero eu paso por diante todos os días e hainos”, comenta a autora. Tamén se fai un chamamento a apreciar a verdadeira artesanía galega e compostelá, fuxindo de falsos recordos, tan populares nos últimos anos como as bruxas.

Compostela verde e violeta

Aleixandre presta especial atención aos espazos verdes da cidade, aos que reserva unha das catro rutas propostas. “Temos a natureza a 10 minutos do obradoiro, co paseo das brañas do Sar”, afirma. Neste senso, pensa que é útil “mesmo para a xente de Santiago” ou que leva vivindo certo tempo e que moitas veces descoñece a súa propia contorna.

Outro dos paseos recollidos no libro ten a ver coa literatura, seguindo as pegadas de Rosalía, Lorca ou Valle-Inclán pola cidade. Aleixandre recolle tamén un apartado referido a Compostela, Territorio das Mulleres, dirixindo a visitante diferentes cara a diferentes iniciativas da cidade como a campaña Compostela en Negro, a Casa das Mulleres Xohana Torres ou o os paseos elaborados pola historiadora Encarna Otero arredor da historia feminina.

Santiago de Compostela desde dentro, editada de momento en galego e castelán, inclúe tamén un calendario de árbores, flores e festas e algunhas suxestións de visitas a lugares como os Petróglifos do Castriño de Conxo, o Castelo de Rocha Forte, o Pico Sacro ou o Pazo de Oca.

Comentarios