Unha feira virtual sobre "proxectos de vida feminista"

Laborando 2 non é só unha feira sobre muller e mundo laboral. Vai moito máis alá, cara a reflexión de aspectos integrais dos feminismo en "todas as esferas da vida". Desta volta, as actividades son virtuais e duran 15 días. 
Mulleres traballadoras nunha imaxe empregada por Aselafem.
photo_camera Mulleres traballadoras nunha imaxe empregada por Aselafem.

Laborando 2. Feira de Proxectos de Vida Feminista dá comezo esta tarde en formato virtual. Trátase dunha iniciativa de Aselafem (Asociación de Estudos Laborais Feministas) que se prolongará até 30 de novembro con acceso na web do colectivo. 

Participan no encontro 37 feirantas con proxectos profesionais e sociais liderados por mulleres e/ou de perspectiva feminista. Preténdese deste modo "visibilizar a presenza e o papel das mulleres en todos os ámbitos e esferas da vida".

Na plataforma web poderanse visitar as diferentes propostas de maneira continua durante os 15 días de duración da feira no espazo Catálogo de Feirantas. 

Obradoiros e máis

O programa de eventos consta de 10 obradoiros non-mixtos propostos polas participantes en áreas tan diversas e "relevantes para o apoderamento das mulleres e promoción do emprego feminino":

Entre elas, atópanse os dereitos laborais, os coidados, a maternidade, o autocoñecemento ou a posta en marcha de negocios tendo considerando a perspectiva de xénero.

Tamén recollen opcións formativas no eido da educación, a fotografía participativa e a relación entre ecofeminismo e literatura galega. 

Catro forums abertos achegaranse a aspectos fundamentais na vida e traballo das mulleres, como os coidados e a saúde, a precariedade laboral, a educación en igualdade e a organización colectiva e economía feminista.

Nos Cafés de Feirantas, tamén abertos a todo público, poderase falar en directo con algunhas das participantes que darán a coñecer o seu traballo con máis máis profundidade. 
 

Comentarios