Unanimidade do Parlamento para que a Xunta constitúa unha mesa de negociación con Alcoa e comité de empresa

A proposta do BNG pide reactivar as cubas en suspenso e “velar” polo mantemento de emprego.

f_4_Alcoa

Todos os grupos do Parlamento galego apoiaron a proposición non de lei presentada polo BNG e na que se insta a Xunta a “constituír unha mesa de negociación con Alcoa e o comité de empresa de San Cibrao, para demandar a activación das cubas en suspenso e velar polo mantemento do emprego e da actividade en tanto se mantén a actual situación de declive industrial e de inestabilidade nos prezos da enerxía”.

A portavoz parlamentar de Industria, Noa Presas, responsábel da proposta, apelou a  evitar “episodios anteriores con exclusións e vetos”, de tal xeito que esa mesa incorpore ao comité de empresa, as organizacións sindicais e ás administracións galega e estatal.

A deputada nacionalista  criticou que tras meses de mobilización social “ningún dos problemas de fondo que afecta ás industrias electrointensivas recibiu resposta”.  Xunto coa creación da mesa de negociación, o Bloque reiterou no Parlamento a urxencia de aprobar un estatuto electrointensivo.

A formación nacionalista insiste na súa demanda dunha tarifa eléctrica galega, que afirma que permitiría aforro e ganar competitividade, e pide á Xunta que asuma as súas responsabilidades coa industria galega e actúe “máis alá das declaracións electoralistas que estamos acostumadas a escoitar”, concluíu.

Comentarios