Unanimidade do Parlamento para promover un pacto contra a violencia machista

O pacto incluiría diferentes medidas no eido xudicial, económico, educativo e institucional.

Feminicidio

O Parlamento de Galiza aprobou esta cuarta feira por unanimidade un pacto contra a violencia de xénero. Acordo polo cal acorda constituír unha ponencia dentro da Comisión non permanente de estudo para a igualdade e para os Dereitos das Mulleres. A finalidade, promover un ‘Pacto galego contra a violencia de xénero’. Aprobouse a transacción derivada da moción presentada polo BNG.

Así, todas as organizacións da Cámara comprométense a que nese pacto se inclúan unha serie de medidas mínimas e que afectan a diversos eidos, desde o económico e xudicial ao de ensino ou institucional, entre outros. Fálase, así, por exemplo, do incremento dos recursos económicos destinados á prevención e á asistencia das vítimas da violencia de xénero e das súas fillas e fillos. Ou do estudo da modificación da Lei Galega 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero para incluír na mesma o concepto de feminicidio.

A dotación dos recursos necesarios para mellorar os medios xudiciais en materia de violencia contra as mulleres ou a garantía de formación especializada en violencia de xénero de todo o persoal que intervén no proceso xudicial, incluíndo médicos/as forenses e equipos psicosociais, son outras cuestións que figuran no acordo.

No mesmo, tamén se sinala a promoción da avaliación, externa e independente por parte do Observatorio Galego de Violencia de Xénero, do cumprimento e do impacto en Galiza da lei galega e da lei estatal contra a violencia de xénero , así como das medidas necesarias para mellorar a eficacia das políticas públicas para acabar coa violencia de xénero que será remitida ao Parlamento galego.

Comentarios