Pleno o día 23

Unanimidade na Deputación da Coruña para recuperar o Pazo de Meirás

Todas as forzas políticas con representación na Deputación da Coruña apoian unha moción encamiñada a recuperar o Pazo de Meirás, espoliado pola familia Franco, para o patrimonio público. A iniciativa aprobarase no pleno do día 23 de marzo.

moción pazo de meirás
photo_camera [Imaxe: Deputación da Coruña] Representantes dos grupos presentaron a moción

PSOE e BNG, membros do goberno, e todas as forzas con representación na Deputación da Coruña, PP, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños, presentaron a pasada sexta feira a moción para a recuperación, para o patrimonio público, do Pazo de Meirás.

O texto, que se aprobará por unanimidade na sesión plenaria da próxima sexta feira, 23 de marzo, insta o Estado a exercer as accións tanto administrativas como xudiciais para recuperar o ben espoliado polos Franco e trasladará a todas as institucións que corresponder o informe histórico-xurídico, co fin de que se difunda o seu contido.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso (PSOE), salientou o acordo de todos os grupos políticos e lembrou que o contido da moción segue as directrices deseñadas pola Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e dos informes histórico-xurídicos encargados pola Deputación.

Na mesma liña, a vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei (BNG), afirmou que a unanimidade “supón un antes e un despois que responde ao clamor social para recuperar o pazo”. Unha recuperación que encetou cos informes impulsados pola Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, órgano que foi creado pola propia Vicepresidencia en aras de devolverlle o inmoble ao pobo galego.

O portavoz de Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío, subliñou que se está a abrir “un proceso de reparación e recuperación da memoria histórica na nosa comarca”, mentres que o representante de Compostela Aberta, Manuel Dios Diz, engadiu a necesidade de que se recuperen as dúas pezas do Mestre Mateo que están en mans dos Franco, a Casa Cornide da Coruña e a finca de Bastiagueiro, “esta moción é unha mensaxe clara de que a democracia e a legalidade deben ser incompatíbeis con calquera tipo de corrupción”.

O representante de Alternativa dos Veciños, Ángel Seoane, non asistiu, aludindo a motivos de axenda, aínda que amosou o seu apoio á moción.

O apoio do PP á moción

O portavoz do PP, Agustín Hernández, sinalou na rolda de prensa da sexta feira que están pola recuperación de Meirás “para uso público sen custo para as administracións”. Afirmou, ao respeito, que a demanda é “lóxica e lexítima”, mais dixo que ten que se levar “con prudencia e firmeza e con seguridade xurídica”.

En setembro de 2017, o PP, que nos últimos anos, obrigado polo clamor social, modificou, en parte, o seu discurso ao redor do espolio en Meirás, aprobaba en solitario no Parlamento de Galiza a súa proposta a respeito do pazo e desbotaba que a Xunta pasase a formar parte da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás.

A vía xurídica

O informe xurídico realizado polo profesor da UDC Xabier Ferreira a instancias da Deputación, sinala que o Pazo de Meirás, previamente espoliado, foi entregado en 1938 a Franco na súa calidade de xefe do Estado e non como particular e que na Lei de Patrimonio Nacional Franco se ocupou persoalmente de que na relación de bens adscritos a este non figurase o inmoble e un anos após completaba a xogada ao escriturar o edificio e a finca e poñelos ao seu nome.

Estes son os alicerces sobre os que se constrúe o informe xurídico que levará a Deputación a instar a Patrimonio Nacional a iniciar accións para, vía anulación de contrato, recuperar a titularidade do Pazo de Meirás.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios