Opinión

Un xornal galego

Por esas cousas da vida lin xornais desde neno. Aínda que todo transcorría dentro dunha mesma bocha ideolóxica do franquismo, o ler xornais diversos, e mais a ideoloxía crítica, fíxome disterar uns xornais dos outros, distinguir a liña de información e opinión de cada un. Esforceime en recoñecer que intereses expresan e aos que serven. E máis adiante e sen estudar xornalismo fun correspondente de El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, e columnista daquela outra aventura fanada, Diario de Galicia, que dirixiu o Manuel Rivas e no que fallou o proxecto empresarial e non o xornalístico. Pasei como columnista a La Voz até que Bieito Rubido e Fraga decidiron non aturarme e continuei como colaborador na radio vasca e mais na Ser e columnista en La Vanguardia e tamén en El País, mentres este quixo. Agora ando por Ara e mais Eldiario.es, e mais neste curruncho que me puxeron tan amabelmente aquí.

Nunca fun xornalista de profesión mais constato que o xornalismo foi unha obsesión na miña vida. Supoño que iso se debe a unha particular necesidade de autoexpresión mais tamén á convicción de que a palabra pode cambiar o mundo, ou alomenos a sociedade. O xornalismo é o lugar da política, tanto a política democrática como a autoritaria. A política democrática pide liberdade de expresión, iso non existe de vez nun reino como este que teña unha “lei mordaza” e onde a fiscalía e a Xustiza en xeral non teña independencia do poder executivo.

Nunca fun xornalista de profesión mais constato que o xornalismo foi unha obsesión na miña vida

 

Que o xornalismo e os medios de comunicación en xeral adoitan ser instrumentos propiedade e ao servizo do poder establecido ten a súa demostración no Reino de España, vémolo cada día na súa liña de manipulación da información. Vémolo tamén nas continuas renegociacións das súas débedas coa banca, que volve e volve soltar cartos para que eses xornais e televisións continúen sendo útiles para dominar a unha populación alienada e sometida.

Sempre foron necesarios medios de comunicación que expresasen a existencia da sociedade galega e os seus intereses, unha visión non colonizada deste país, non ollado cos ollos do provincianismo que se humilla ante a corte, senón unha ollada tan crítica como limpa, mostrar o país como é, cos seus defectos e as súas posibilidades. Que mostre as creacións individuais e sociais que o país xera cada día, que axude a crear referentes cívicos nos que nos podamos ver con orgullo.

Sempre foron necesarios medios de comunicación que expresasen a existencia da sociedade galega e os seus intereses

 

Supoño que iso quere ser o proxecto O diario galego e haino que desexar e haino que animar. Será un xornal que nos ofreza información profesional e completa, que nos permita vivir como cidadáns libres e capaces a afrontar os desafíos da existencia neste tempo?

E haberá lugar neste tempo de crise do papel para unha nova cabeceira no 2019? E haberá quioscos para entón? Como se levarán entón este espazo dixital no que estou a escribir e o espazo do papel? Haberá lugar para a lectura demorada do papel ou só leremos nestas pantallas sen memoria? Non o sei. Se xuntamos forzas e construímos ese diario galego, unha verdadeira construción nacional, saberémolo.  

Comentarios