Un xogo insuficiente e unha má arbitraxe enlean a vida ao Depor

A derrota inevitábel (o Deportivo levaba 7 xogos consecutivos sen perder) chegou no pior momento e da pior forma. O Deportivo non tivo nen a tensión nen a electricidade nen a velocidade que é precisa para gañar en Valladolid á disciplinada e seria banda de xogadores treinados por Dkjukic. Un erro arbitral anulando un gol legal de Nelson fixo o resto.

gol legal
photo_camera gol legal

Na primeira metade do xogo, chumbos nas pernas, o Deportivo xogou a cámara lenta, sen o despregamento das bandas de Pizzi e Bruno que constitúen o maior perigo potencial da equipa. Xogouse en moi poucos metros, con demasiado barullo no centro do campo. Pouca marxe para o brillo de Valerón ou JuanDo.

Por veces o xogo transmitía a impresión de que o Deportivo se conformaba con puntuar na banda de mínimos, con empatar, perante un Valladolid que tampouco mostraba muita cobiza ofensiva. Os gardamallas foron mais ben espectadores nun primeiro ato do xogo certamente infumábel.

Reaxiu Fernando con cambios de carácter ofensivo. Mandou á caseta a Bergantiños e puxo no relvado a Nelson

Mudou a decoración co 1-0, gol de Javi Varas, un esguío na área, o máis listo para abalar a modorra branco e azul. Non che poden marcar un gol así se te estás a xogar a vida.

Reaxiu Fernando con cambios de carácter ofensivo. Mandou a caseta a Bergantiños e puxo no relvado a Nelson. O portugués estivo ben. Procurou a baliza contraria en todo momento e deixouse ver con varias marcaxes de ruptura. Até marcou un gol. O do empate. Un gol que valía un ponto que talvez na xornada 38 tod@s botemos de menos. Mas o gol foi anulado, torpemente anulado, por un off side inexistente. Estaba o gardamallas desprazado do seu marco, mas no momento en que a bola sai en dirección a Nelson entre este e a baliza hai dous futbolistas do Valladolid. Posición legal. Mas o gol non subiu o marcador.

Fernando até probou cunha defesa de 3 e lanzou os seus a un ataque desesperado. Estivo a piques de chegar o empate nun fungueirazo de Bruno, deses seus, desde fóra da área, mas o porteiro do Valladolid replicou cunha moi boa parada.

En realidade, o Deportivo pena coa derrota unha actuación insuficiente, apenas estivo no nível de xogo que lle exixíbel no ímpetu final que resultou no gol anulado e nuns escasos minutos de acoso á baliza rival.

Pintan mal as cousas após esta derrota. O Deportivo ten 32 pontos, a 2 da liña da salvación, que a marca o Zaragoza. 2 pontos que até poden ser 3 porque en caso de empate o combo maño superaría o galego por ter a favor o goal average. O Deportivo xa non ten marxe de erro. Ten que sumar necesariamente 7 pontos dos 9 en xogo e aínda así agardar ao que fagan os demais.

Ninguén dixo que fose ser doado.

Comentarios