Editorial Sermos319: Un veto sen sentido

Ana Pontón falando no Pleno do Parlamento galego. 22 de febreiro de 2017
photo_camera Ana Pontón, no Pleno do Parlamento

 

Se nos movemos no terreno da política máis elemental carece de todo sentido que o grupo proponente dunha proposición non de lei do Parlamento de Galiza sexa excluído da súa delegación ao Congreso dos Deputados. Isto é o que acaba de acontecer no Pazo do Hórreo, co veto ao BNG nun asunto, a transferencia da AP9, que debe a súa evidente actualidade na axenda política ao impulso da formación nacionalista ao longo dos últimos anos.

Alén do debate xurídico —nada no regulamento vixente impediría a presenza do Bloque na delegación do Parlamento—, hai unha evidente intención política na marxinación do Bloque. Trátase de lle negar un potente altofalante no Congreso dos Deputados —cámara na que a formación nacionalista está ausente desde decembro de 2015— e de facelo nunha cuestión que atinxe ao aprofundamento do autogoberno do país.

En todo caso, o óptimo sería a reforma do regulamento da cámara con vistas a evitar no futuro esta situación. Abondaría con consignar que na delegación do Parlamento estivese sempre presente o grupo impulsor da lei que se fose enviar ás Cortes Xerais do Estado. Deste xeito aforraríamonos episodios que abochornan até a máis mínima conciencia democrática.

Comentarios