Imprimir

Un mundo estraño

Xavier Queipo | Escritor.

Xavier Queipo | 31 de xullo de 2020

Vivimos nun mundo estraño. Nunca foi simple, mais agora as descontinuidades espazo-temporais vólvense máis frecuentes. Poñamos como exemplo o Parlamento Galego, o menos variado das últimas lexislaturas. O voto concentrouse en tan só tres opcións políticas. Non digo eu que a xente ‘escollera mal’, senón que hai pouca diversidade. Isto, pódese entender como unha eiva ou unha vantaxe, segundo a cor do vidro das nosas lentes.

As galegas son as únicas eleccións parlamentarias no Estado español nas que é necesario un 5% dos votos para ter representación no parlamento. Nas outras, autonómicas e estatais, o límite está no 3%. Se a regra do 3% fose aquí a norma nestas pasadas eleccións, tres dos escanos azuis pasarían a outras forzas políticas. Trátase dunha eiva estrutural corrixíbel.  Cantas menos opinións estean representadas no parlamento, máis galegos sentirán que non teñen nin voz nin voto nas decisións.

Mais o número reducido de grupos parlamentarios é unha vantaxe potencial para as negociacións e o diálogo. Xa sei que con maioría absoluta o diálogo é unha quimera, mais é o que lles queda aos tres grupos se queren sacar o país dunha profunda crise estrutural, social e económica. Diálogo non é falar só cos que pensan coma ti, senón abrirse a entender as razóns doutros e se cadra partillar algunhas opinións e traducilas en acordos. Non ten sentido ningún que se negue o diálogo entre as tres forzas políticas cando o que está en xogo é o futuro de Galiza. Hai moitas formas posíbeis de pensar Galiza. Non todas elas están no Parlamento, mais iso non debería impedir nin o diálogo interior nin o exterior.

Por moita maioría absoluta que teña o partido do Goberno, non convén que para erguer Galiza da prostración non se conte cos máis evitando así que uns mal-gobernen e outros estean sempre á contra nunha especie de rolda sen fin do despropósito, que só irá en detrimento do País (así, con maiúscula de ente diferenciado e singular).

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xavier-queipo/un-mundo-estrano/20200730101900102378.html


© 2020 Nós Diario