Opinión

Un Lugo máis galego

Rematou a temporada regular en Segunda División cun Nàstic - Lugo intrascendente. Un partido sen nada en xogo entre un equipo que hai semanas que perdeu a categoría e outro que a salvou a unha xornada do final. Entre ambos, un denominador común: Promosport, axencia deportiva á que pertence o ex xogador galego Emilio Viqueira, quen exerceu de director deportivo nos dous conxuntos. O resultado da xestión foi parella: unha rede clientelar de representados desta empresa nos clubs, con fichas de máis e postos, nalgún caso, triplicados. Exceso de importacións e trocos que fixeron do Lugo e Nàstic dous polvoríns con cheiro a descenso.

As accións foron cruzadas. Logo de sair escaldado de Tarragona, Viqueira volvía a Galiza despois de décadas fóra. O retorno dun fillo pródigo cuxa experiencia en Lugo durou media temporada malia ter asinado por catro anos (reconvertidos en dous máis dous segundo Saqués, presidente albivermello). Deixou un legado de ex do Nàstic cambiando de provincia romana para rematar en Lucus Augusti. A máxima expresión do fútbol moderno, cheo de enredos, intereses, contratos inflados nos que hai que participar se un quere entrar na roda do profesionalismo. Temíase certa rebelión a bordo coa saída do padriño de tantos xogadores, pero estes negaron os vínculos.

No curso anterior, a escuadra catalana salvouse in extremis. De feito, un dos partidos que lle valeu a permanencia, o que xogou contra o Huesca, está a ser investigado pola trama de amaños derivados das apostas. O desenlace do curso que rematou parece lóxico con estas antecedentes. Serve de advertencia para un CD Lugo que contará cunhas duras condicións económicas para afrontar a vindeira temporada. A posición na táboa determina en gran parte o orzamento para moitos clubs, supeditados case por completo ó reparto dos dereitos televisivos. Os albivermellos, que marcaron finalmente a fronteira coa Segunda B, recibirán o aporte máis baixo. Xusto o verán no que a SAD ten que acometer as obras no Fondo Sur. Esta bancada, que naceu como unha supletoria en 2013, ten que facerse fixa por obriga da Liga. Polo momento non hai nin prazos nin proxectos para o que popularmente se coñece como "o andamio".

Desta volta, a dirección deportiva terá que rebuscar máis ca nunca. O afeccionado lugués agarda que o rastreo corresponda a Manolo Mandiá, malia que Saqués ande sempre na sombra. Sería un bo momento para recuperar a estratexia que levou o CD Lugo nos cursos posteriores ó seu ascenso a Segunda. Daquela, Carlos Mouriz, que vén de acadar o ascenso co Racing de Ferrol a Segunda B, optou por manter unha columna vertebral de xogadores galegos. Ós xa que xa estaban, como Manu, Pita, Javi Rey ou canteiráns liderados por Iago Díaz, uníronselle Seoane, Rubén Duran (xa vestiran a albivermella antes), José Juan, Iván Pérez, Dani Mallo, Yoel, Ferreiro, Toni Dovale, Luis Fernández ou o asturgalego Pablo Álvarez, entre outros. Na maior parte dos casos, futbolistas que deron un bo rendemento nas filas do que era un completo novato da categoría.

Comentábao o outro día Javi Folgueira, compañeiro de Lugoslavia, que o perfil de xogador que mellor lle ten funcionado ó CD Lugo nos últimos tempos é un indie galego. Futbolista da terra ó que lle serve a tranquilidade i estar preto da casa. Como sucedeu con Manu Barreiro este ano. A ecuación tamén funciona coa afección, que sinte máis filiación polos seus representantes no campo. A vinculación é aínda maior cando o que viste a albivermella é un rapaz da canteira. Este ano puidemos ver a Álex Rey, xogador do Polvorín, en varios encontros. Non desentoou. Como tampouco o fixo Pedro López o ano anterior. A base ten que estar aberta dende xa á pretemporada para recibir as oportunidades que merece. Sobre todo despois da notable campaña que fixo o filial adestrado por José Durán na súa primeira aventura en Terceira División. Os seus nomes teñen que figurar por diante de calquera alta exótica que aínda por riba supoña unha perda de capital e masa salarial. Primeiro, os da casa.

Un Lugo máis galego axudaría a recuperar a identidade perdida entre os continuos cambios de guion que se produciron dende que Saqués asumiu o mando. Unha xefatura que veu acompañada dunha factura social que aínda non se pechou. Conxuntos como o Extremadura xa presentaron as súas campañas de socios. A entidade albivermella ten que aproveitar o pulo que se deu nos últimos encontros do ano, onde a necesidade e as entradas case de balde fixeron que os 3.000 de sempre medrasen un chisco que hai que reter. É hora de facer unha campaña propia, sen mensaxes enlatadas de “unións”, “forzas” e outros lugares baleiros de contido. É tempo de botarse ás estradas da provincia con sentido, visitando todas as grandes vilas, e permitindo que a xente se poida facer ‘in situ’ socia. Así como autorizar, dunha vez por todas, a alta en liña. Tentalo, polo menos, e non refuxiarse en tirar os prezos sen máis. E para isto, é necesaria máis que nunca a estabilidade, un argumento inutilizado nos útimos dos tempos. Senón, Nàstic de Lugo.

Comentarios