Un galego rexuvenecido

Un programa da Deputación da Coruña percorrerá os centros de ensino con actividades e obradoiros para animar mozos e mozas a usar a lingua propia de Galiza. Antía Otero, Aldaolado, Davide Salvado ou María Yáñez, entre as participantes.

O GALEGO A MIÑA LINGUA DEPUTACIÓN CORUÑA

Animar a mocidade a falar galego en todos os ámbitos da súa vida é a finalidade da nova campaña de dinamización linguística impulsada pola Deputación da Coruña e que durante os vindeiros meses percorrerá con 91 actividades os centros de ensino secundario de 43 concellos da provincia.

As poetas Antía Otero, Rosalía Fernández Rial, as contadoras Paula Carballeira ou Aldaolado; Xurxo Souto, MJ Pérez, García MC, Davide Salvado, Monoulious Dop ou Laura Romero do mundo da música;  Irene Lourido ou María Yáñez do xornalismo e novas tecnoloxías e Sokram e Mou do graffiti; xente do mundo da ilustración e a moda como Cestola na Cachola, ou do ámbito sanitario como Iria Veiga; forman parte da ampla nómina de participantes do novo programa co que a Deputación da Coruña quere animar á xente moza a usar a nosa lingua. “O galego: a miña lingua” é o nome da campaña

A vicepresidenta e responsábel da área de Normalización linguística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, dixo que esta nova iniciativa pretende “sensibilizar e achegar referentes á poboación adolescente no uso do galego” pois, segundo anotou, “é nestas idades cando se poden modificar actitudes e comportamentos lingüísticos das persoas. O importante é reforzar a condición de lingua propia do galego”.

A coordinadora do novo programa de dinamización lingüística, Emi Candal, destacou o carácter “ambicioso e ilusionante” que posúe un proxecto “que lle trasladará á mocidade o positivo de empregar o galego, tanto nos ámbitos familiar como profesional”.

Comentarios