Opinión

Un Dépor eficaz

O Dépor na casa atópase como peixe na auga. Se é capaz de manter a tendencia, o estadio de Riazor vai ser o seu principal viveiro de puntos, e o sostén do Dépor para ser candidato ó ascenso á Primeira División. Por aí comeza a conquista da súa meta esta temporada. Pero só co da casa non lle vai chegar. Esa tendencia é a que debe seguir conservando cando saia fóra da Coruña. 

A vitoria ante o Reus deixa cousas interesantes. Por exemplo, que Edu Expósito madurou como futbolista e xa é un xogador de pleno dereito da primeira plantilla. Está moi centrado e é un elemento que encaixa perfectamente na engranaxe que montou Natxo González. Para os futbolistas, non é un sistema sinxelo o de axeitarse a xogar en rombo. Incluso é arriscado se os homes cos que se conta para iso non encaixan. Natxo tenlle moita fe a ese tipo de xogo e semella que ten homes para el. 

Outro home importantísimo nese esquema é Álex Bergantiños. Non sente o peso da responsabilidade. Exércea simplemente e punto. É un mariscal. Entende o que hai que facer en cada momento. Está atento a tapar os ocos, a subir cando toca, a achicar espazos… O despregue físico deste home, pequeniño en centímetros, pero grande como un mundo como xogador, é un dos alicerces deste novo Deportivo. Nada que ver co do ano pasado. Por iso, a saída de Álex Bergantiños a temporada pasada, ordeada por Pepe Mel, e permitida polo club despois, resulta inexplicable. Agora constátase, co futbolista de novo sobre o campo e de branco e azul, que foi unha malísima decisión. E, afortunadamente para o Dépor, volveu a casa. Non hai que esquecer que este verán puido quedar en Xixón, onde triunfou o ano pasado, pero quiso volver e estar cos seus. 

O partido tivo pouca historia porque o Reus foi un equipo moi frouxo para o Dépor. Falouse moito de que sería un equipo que trataba moi ben a pelota e que gustaría, pero non tivo posesión de balón e apenas fixo dano cando tivo ocasión. E tívoas. Pero a elección final dos seus remates á porta foi mala ou defectuosa. Logo falaremos diso. 

Ao Dépor púxoselle o partido de cara desde os primeiros trinta segundos. Marcou outra vez o sevillano Carlos Fernández. Co gol o Dépor tivo un subidón que lle axudou a botarse enriba do equipo catalán en tres xogadas moi rápidas. E con elas tamén botou todos os folgos, porque logo o partido volveuse plano e aburrido. E aí é onde hai que centrar o tema da columna de hoxe. 

O Dépor ten que ter máis ollo coas concesións ós rivais. O de non saber ou non poder pechar os partidos mellor, ou con máis tempo ante rivais con máis entidade ou máis atinados entre os tres paus, é un perigo. O Reus apenas tirou a porta. Pero cando o fixo tivo enorme perigo. Resolveu moi ben Dani Giménez nunha desas accións. Nas outras, o Reus tirou sempre mal a porta. Cando un rival pequeno perdoa, o grande se aproveita. E Pedro Sánchez, tras recibir un gran pase, deulle un punteirolo ó partido cun magnífico gol. Co segundo gol, todos tranquilos.

O Dépor ten que ter máis ollo coas concesións ós rivais

 

Desta vez, mentres durou o un a cero sobro o electrónico, os de Natxo González non se botaron atrás. Mantiveron o control da pelota e case sempre estiveron no campo do rival, pero cun xogo moi pouco produtivo. Sobresaíu Diego Caballo, que recuperou o seu posto, pero os seus perigosos centros, non atoparon rematadores con xeito.   

O sistema do rombo no Dépor está tendo problemas cando son desbordados polas bandas. Sobre todo ante homes ofensivos con velocidade. Se ben aumentou a seguridade defensiva do equipo en xeral, en momentos puntuais, por velocidade, amosa impotencia e son desbordados chegando a porta con grandes oportunidades. Aí hai dous factores que, por agora, están axudando ao equipo. A reacción do porteiro branco e azul, rápido e moi acertado nas súas intervencións, e a mala execución dos dianteiros rivais. En Segunda o gol está caro. Vense moitísimos erros. Erros que tamén salvan dun apuro. 

Polo momento, o equipo de Natxo explota excelentemente o resultadismo. Ser máis eficaz que o rival é o que ten premio.

  

Comentarios