Censura en Fene

Un alcalde entre apupos

Salón ateigado, momentos de tensión e apupos no momento en que Gumersindo Galego (PP) tomou o bastón de mando.

Gumersindo Galego novo alcalde de Fene (PP9 Foto Concello de fene
photo_camera Gumersindo Galego, novo alcalde de Fene (PP). Foto: Concello de Fene

Gumersindo Galego é desde as 13.20 horas desta sextra novo alcalde de Fene despois de prosperar a moción de censura presentada en agosto do ano pasado polo Partido Popular e os concelleiros non adscritos de Somos Fene, a marca local da Marea, e reanudada este mediodía grazas a un auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol.

Nun salón de plenos ateigado, nomeadamente por partidarios do xa ex rexedor nacionalista, Juventino Trigo, o pleno comezou coa lectura dun escrito por parte da secretaria municipal no que se recollían todos os antecedentes que desembocaron na celebración da moción de censura, suspendida o pasado 26 de outubro logo de que a Mesa de Idade do Concello considerase que non se daban os requisitos legais para que tivese lugar. 

A sesión foi tensa e as increpacións aos promotores da moción foron constantes ao longo da case hora e media que durou. O portavoz do Partido Popular, Gumersindo Galego, esgrimiu os motivos polos que o seu grupo e os dous concelleiros de Somos Fene decidiron presentar a moción de censura e que substanciou na "parálise" e "inoperancia" en que se sumiu o goberno local após a ruptura do pacto tripartito (BNG, PSdeG e Somos Fene) a finais de 2016. 

A sesión foi tensa e as increpacións aos promotores da moción foron constantes ao longo da case hora e media que durou

Na súa réplica, o alcalde Juventino Trigo cualificou a moción como un "asalto ao poder" auspiciado polo Partido Popular coa colaboración activa dos dous concelleiros de Somos Fene que foron expulsados pola plataforma Participación Democrática Directa de Galiza coa que concorreron ás eleccións. Trigo lembrou que este feito converteu os dous edís da marca local da Marea en "tránsfugas" e acusou o Partido Popular de rachar co pacto antitransfuguismo. 

Na quenda de intervencións dos portavoces, o xa alcalde fenés, Gumersindo Galego insistiu nos seus argumentos e cualificou a medida como "necesaria" para sacar Fene da parálise. O voceiro socialista, Antón Noceda, adiantou que os tres concelleiros do PSdeG absteríanse na votación e criticou a "deslealdade" do BNG desde as eleccións municipais de 2007, que levaron á Alcaldía a Iván Puentes, do PSdeG, e posteriormente do 2011, nas que a posición do BNG lle impediu revalidar a Alcaldía e favorecer un goberno do Partido Popular, encabezado por Gumersindo Galego. 

O alcalde Juventino Trigo cualificou a moción como un "asalto ao poder" auspiciado polo Partido Popular coa colaboración activa dos dous concelleiros de Somos Fene

O momento máis tenso viviuse cando o portavoz de Somos Fene, Xoán Manuel Rodríguez Bastida, empregou a súa quenda para atacar o BNG, até o punto de acusar Juventino Trigo de se manter na Alcaldía dun "xeito ilegal", invectiva que provocou a reacción da meirande parte do público presente. Bastida desmentiu que o apoio ao Partido Popular fora contraditorio coa súa ideoloxía aducindo que nas "sociedades maduras" os pactos entre forzas "que pensan diferente" son posíbeis sempre que "antepoñan" o interese común da veciñanza aos do propio partido. 

María del Carmen Martínez (de Esquerda Unida e membro do Goberno desde a ruptura do anterior tripartito) e Sandra Permuy, portavoz do BNG, lembráronlle a Rodríguez Bastida e ao outro edil de Somos Fene, César Castro, as súas manifestacións desde o ano 2015 na que desbotaban dun xeito contundente a posibilidade de apoiar calquera goberno liderado polo Partido Popular. Martínez fixo un repaso pola actuación de Somos Fene no tempo no que formaron parte do goberno fenés e subliñou que nos catorce meses que durou só asistiron a dúas comisións informativas (hai catro ao mes) e aos plenos, "aos que si acudían para cobrar os 400 euros de asistencia". Afeoulle á marca local da Marea que apoie "o partido máis corrupto da Historia" logo de dicir que non o farían "porque, segundo dixeron, o PP de Fene é o mesmo ca o galego e o de Madrid". 

O momento máis tenso viviuse cando o portavoz de Somos Fene, Xoán Manuel Rodríguez Bastida, empregou a súa quenda para atacar o BNG

A votación non deparou sorpresa ningunha. Os sete concelleiros do Partido Popular e os dous non adscritos de Somos Fene votaron favorabelmente á moción de censura; os tres do PSdeG abstivéronse e os catro do BNG máis a edil de Esquerda Unida manifestáronse en contra.

Entre apupos, Gumersindo Galego recolleu o bastón de mando que o converte en alcalde de Fene até xuño de 2019.

Comentarios