Opinión

Un acordo de goberno xa?

Temos a conciencia de que vivimos unha crise que vai figurar na Historia? De que afrontamos unha crise sanitaria, social, económica, cultural, política, de comunicacións e da vida diaria? Un reaxuste do modelo da nosa civilización que vai afectar a todas as xeracións vivas? Que vai obrigar a refundar a Unión Europea? Que xa reconfigurou o Reino de España facendo que deixase de ser o tal “estado de las autonomías” para ser xa “Madrid corte y sus provincias”? Se aceptamos sequera a metade desas posibilidades saberemos que a situación rompe co continuo das catro ou cinco últimas décadas.

As consecuencias para o noso país poden ser dramáticas, unha nova onda de emigración de xeracións, o empobrecemento e envellecemento da maior parte do país e a fuga masiva de empresas, isto é que a Galiza non será un lugar viábel para vivir. A liquidación histórica da Galiza como país, definitivamente submetida ao proxecto do Gran Madrid como unhas provincias empobrecidas e aptas só para veraneo de forasteiros.

Afrontar isto obriga repensalo todo. E os ritmos da política non permiten xa tregua, Feijóo vai chamar a votar con angustia social e, ademais, nunha situación de excepción: as garantías democráticas, liberdade de comunicación, están de facto suspensas. A poboación galega só recibe a existencia dos partidos estatais a través das canles de televisión madrileñas, pública e privadas, e a RTVG é patrimonio exclusivo dun Presidente da Xunta que non comparece no parlamento e goberna como sátrapa televisivo. A urxencia de rematar esta autodestrutiva etapa de Feijóo penso que obriga a reformular completamente a estratexia de toda a oposición, dous partidos estatais, o PsdG-PSOE e Galicia en Común-UP, e un galego, BNG.

Feijóo vaise presentar como a seguridade fronte a inseguridade e o caos dunha oposición dividida e enfrontada. E non será cousa de que a oposición pacte agora xa unhas liñas dun acordo de mínimos para gobernar, que pode logo ser desenvolvido nun sentido ou outro segundo o resultado electoral? Iso obriga a que o BNG renuncie nesta lexislatura de urxencia a obxectivos políticos a medio prazo, tamén obriga a que o principal partido do Goberno, o PSOE, acepte aquí compromisos de conservar autogoberno fronte a redución a provincias en marcha.

BNG, PsdG-PSOE e GC-UP terán que competir igualmente pola preeminencia no goberno da Xunta, mais ese acordo pode dar ilusión e mobilizar o voto como aconteceu na República cando o Partido Galeguista partillou un Frente Republicano Galego cos partidos estatais por conseguir o estatuto.

Comentarios