Último 'sprint' para a constitución dos grupos parlamentares

En Marea, En Comú-Podem e Compromís-Podem teñen até as 20h para rexistrar a súa proposta. Arestora negocian con Podemos as condicións da súa integración no grupo de Pablo Iglesias. 

En Marea_Congreso
photo_camera [Imaxe En Marea]

Continúan as negociacións arredor da constitución dos grupos parlamentares. As opcións son diversas perante a imposibilidade de que as candidaturas de confluencia participadas por Podemos na Galiza, Catalunya e o País Valenciá poidan optar a cadanseu grupo. No entanto, esa continúa a ser a primeira aposta das tres formacións. 

Até as 20 horas a Mesa do Parlamento español recepciona solicitudes mais o tempo esgótase e as posibilidades ábrense. Neste senso, En Marea, En Comú-Podem e Compromís-Podem estarían a presionar Podemos para se constituíren nun grupo 'confederado'. Unha proposta que inicialmente foi plantexada pola formación de Pablo Iglesias. Ora ben, as candidaturas de confluencia reclaman que este grupo teña un nome propio e unha personalidade diferenciada. En troca, Iglesias ofrece reparto dos tempos de intervención e dos recursos económicos. 


Renuncia ao grupo galego

Neste senso, segundo recolle eldiario.es as negociacións entre as coligazóns e Podemos xiran arredor da incorporación d@s parlamentares ao grupo de Pablo Iglesias que pasaría a se denominar Podemos-En Comú-Compromís-En Marea. No acordo que deseñan as persoas integradas nas candidaturas de confluencia non estarían suxeitas a disciplina de voto. 

As persoas eleitas de En Marea pasarían ao grupo de Podemos mais sen disciplina de voto

Así as cousas, desta maneira estarían a renunciar á solicitude dun grupo propio, ergo á presentación de calquera recurso para contar con el. Unha exixencia de Iglesias que quere, explican desde eldiario.es, contar cun plan B. 


Podemos veta o grupo IU-És el Moment

Doutra banda, desde o PSOE, ao que as tres candidaturas reclamaron solucións "imaxinativas", propoñen a posibilidade de que IU-Unidad Popular, a candidatura de Alberto Garzón, forme grupo con És el Moment, unha parte de Compromís-Podem contra quen si tería concorrido nos comicios do 20-D. Esta fórmula permitiría a ambas as dúas formacións conformar grupo non así ás coligazóns galega e catalá integradas tamén por IU. 

Unha posibilidade "perfectamente legal", segundo explicou o propio Alberto Garzón nas redes sociais, e da que "tentamos convencer a Podemos, como ao resto", mais sen éxito. 

Alberto Garzón di que Podemos rexeitou a posibilidade de que IU e És el Moment conformasen grupo parlamentar 

Perante a negativa do grupo de Iglesias, as dúas persoas eleitas parlamentares por IU rexistraron na xornada de onte unha proposta para se constituír nun "grupo técnico" xunto a ERC e Bildu. "ERC ofreceunos con moita xenerosidade a posibilidade de participar inicialmente nun grupo técnico con eles, embora despois pasarmos ao grupo mixto. Grazas á axuda de ERC teremos recursos, espazo parlamentar e outras facilidades", dixo Garzón. 

O tempo apremia e se non se alcanza un acordo que cumpra co expresado no regulamento da Cámara e satisfaza as partes, as tres coligazóns poderían rematar no grupo mixto, ora ben, como subgrupo. Unha posibilidade xa explorada en anteriores lexislaturas, no concreto após a ruptura no seo de Alianza Popular (1986-1989). 

Esta información foi editada por volta das 18h. 

Comentarios