Crítica de cinema das sextas feiras

O último Spielberg xa está aquí

ready2
photo_camera Un fotograma do filme

READY PLAYER ONE

(EUA 2018, 140 min.)

Dirección: Steven Spielberg

Guión: Ernest Cline e Zak Penn

Fotografía: Janusz Kaminski

Música: Alan Silvestri

Elenco: Ty Sheridan, Olivia Cooke, Ben Mendelsohn, Mark Rylance, Simon Pegg, Lena Waithe, T.J. Miller, Philip Zhao, Win Morisaki, Hannah John-Kamen, Susan Lynch, Ralph Ineson

 

SINOPSE

‘Oasis’ é un mundo virtual onde moita xente trata de evadirse do mundo real. Pouco antes de morrer, o seu creador deixa o seu multimillonario testamento a quen atope un tesouro oculto que agochou dentro de ‘Oasis’. O adolescente Wade Watts consegue resolver o primeiro quebracabezas poñendo o foco da todopoderosa multinacional IOI sobre el.

 

CRÍTICA

Spielberg volveuno conseguir. Tras recuperar o pulso narrativo con Os arquivos do Pentágono, o septuaxenario director, tal se fora a súa mellor versión xuvenil dos anos 80, trae agora un milimetrado artefacto de entretemento para todas as idades... absolutamente todas. Faino a través do best-seller de ciencia ficción de Edward Cline, que adapta á gran pantalla Zak Penn (O último gran heroe) xunto ao propio Cline.

 

A historia sitúase no ano 2045. O planeta está sumido nunha profunda crise industrial. O mundo virtual ‘Oasis’, creado polo xenio informático James Halliday, semella ser a única vía de escape para milleiros de persoas que malviven no mundo real. ‘Oasis’ é un mundo virtual aberto concibido para que calquera persoa poida dar renda solta a todas as súas fantasías, todas salvo as sexuais (ou durmir). Quen se conecte pode ter a forma que lle pete: atractiva, musculada, horripilante, monstruosa... Os límites só os pon a imaxinación de cada quen e, claro, os cartos que posúa dentro de ‘Oasis’. Porque a aparencia, complementos, accesorios, etcétera... mércanse con cartos, coma no mundo real, só que aquí, para conseguir cartos, hai que xogar e vencer probas. Antes de morrer, Holliday anuncia que hai un easter egg (ovo de pascua) dentro do mundo que creou. Quen dea con el será posuidor de todos os dereitos corporativos da súa compañía: unha inxente fortuna. O mundo enteiro envórcase nunha caza voraz polo tesouro, pero para elo hai que ter bos coñecementos da cultura popular dos anos 80... con banda sonora ad hoc, claro.

 

Con esta premisa Spielberg asegúrase un público que abrangue todas as idades: desde os máis cativos da casa, ata os adolescentes, os pais... e algúns avós tamén. E é que Ready Player One é un constante bombardeo de chiscadelas que van desde os videoxogos máis modernos, aos máis vintage, pasando pola música oitenteira, simboloxía friki e cinefilia... moita cinefilia. Todo contado a través dunha estética futurista chea de efectos especiais de última xeración que farán as delicias de pequenos e maiores, todos ao unísono cun amplo sorriso ao presenciar a divertidísima montaña rusa que nos propón un Spielberg con alma de neno.

 

Os milenials van flipar coas aventuras duns rapaces, en plan os Goonies, que se meten dentro dun videoxogo ao máis puro estilo Tron... aínda que non saiban nin quen eran nin os Goonies nin Tron... Pero algo parecido tamén pasará á inversa: salvo que se sexa moi friki, tampouco os “maiores” van pillar todas as referencias a videoxogos que hai. Uns non van pillar as referencias aos videoxogos Halo, Gears of War ou Minecraft e os outros non saberán quen é John Hughes, nin as chiscadelas a Cidadán Kane, Excalibur, A guerra dos mundos (a orixinal), Planeta prohibido, O coche fantástico, Kurosawa ou Kubrick pero... que máis ten? Ao final todos tan contentos... Hai referencias e homenaxes a moreas e para todos os gustos. De feito ten pinta de ser un deses filmes para ver unha e outra vez e xogar a ver quen pilla máis referencias. Por certo, a que lle fan a Kubrick é para mexar e non botar gota. Só por iso xa paga a pena o custo da entrada... Fantástico.

 

Estou seguro que si eu tivera 10 anos, Ready Player One ía ter a mesma influencia en min que tivo Os Goonies no seu momento. Aí é nada...

 

Spielberg volve aos 80 tal se pillara un delorean. Rexuvenece tanto nas formas coma no fondo cun divertimento que abrangue varias xeracións desde a nostalxia asegurándose ademais que a rapazada (cando menos algunha) se interese por esas referencias oitenteiras “tan curiosas” que non paran de comentarse durante o filme e que tanta graza fan aos meus pais. Un bo mecanismo de asegurar que escoiten bandas coma Van Halen, Twisted Sister ou Rush e, quizais, logre incluso espertar algunha faisca cinefilia. Estou seguro que si eu tivera 10 anos, Ready Player One ía ter a mesma influencia en min que tivo Os Goonies no seu momento. Aí é nada...

 

A mensaxe en cambio resulta algo contraditoria. Tal se fora un capítulo de Black Mirror, deixa caer a moral de que se debe vivir máis no mundo real e deixarse de tanto mundo virtual, mais os tempos non encaixan. Durante máis de dúas horas métennos polos ollos un mundo virtual abraiante que mola moitísimo e no que nos gustaría perdernos sen dubidalo mentres que, en apenas cinco minutos, como para cumprir, se intenta convencer que é mellor relacionarse en persoa. Non nos enganemos, o fin dunha peli destas características é forrarse: vender videoxogos, merchandising e todo o que dea cartos nas cadeas de comida rápida. O que pasa é que agora os pais e nais, de seguro, pagarán os caprichos con máis gusto. Bravo.

 

Comentarios