"No último lustro pasamos de identificar ao redor de 30 artistas de hip hop a máis de 200"

Hip Hop Em Galego vén de completar 5 anos na rede para configurarse como unha páxina de referencia sobre novas tendencias musicais, mais non só. "Como consello", apuntan desde a equipa, "escoita aquilo que descoñeces e volve escoitar aquilo que non che gustou de primeiras". E é que Hip Hop Em Galego é tamén un punto de encontro aberto e plural. Tivemos a fortuna de coñecer máis polo miúdo o estado actual do Hip Hop na Galiza e en galego, así como as ultimísimas novidades musicais a non perder.
hip hop em galego
photo_camera hip hop em galego

Como naceu o proxecto?

A finais do ano 2014, ante a falta dun medio especializado no hip hop feito na nosa lingua, un dos membros fundadores abriu unha conta de Twitter enfocada á súa difusión. Casualmente a inicios de 2015 apareceu unha idea similar en Facebook e decidimos fusionarnos e crear este proxecto, ampliando redes sociais e sumando diversas persoas que colaboraron no transcurso destes 5 anos.

Vindes de publicar un mapa que enche Galiza con nomes de artistas e grupos do Hip Hop. Por que esta fórmula?

Quixemos recompilar un “mapa” onde saíra o nome de todos os grupos e dalgunhas das artistas que achegaron moito á nosa cultura nos últimos 40 anos. Así a xente pode identificar rapidamente case 100 artistas que paga a pena escoitar, e, se xa recoñecen algúns, para que coñezan aqueles menos populares.

Evolucionou nestes 5 anos a visibilidade deste movemento artístico na Galiza?

Primeiro é necesario aclarar que o Hip Hop galego non existe, mais si o Hip Hop feito na Galiza e o Hip Hop en galego. Desde o noso punto de vista, contribuímos a que a visibilidade do hip hop feito en galego aumentase de maneira considerábel. Cada vez a repercusión e impacto do hip hop na Galiza é maior e máis estendido entre a poboación, mais inda así lingüisticamente existen diferenzas notábeis respecto ao realizado en castelán, tendo o galego menos apoio e menos difusión e a consecuente infravaloración. Así mesmo, a aparición de novos grupos ou novas artistas nestes últimos anos fixo que a nivel musical o movemento Hip Hop duplicase (e triplicase respecto ao 2010) a súa produción e contido. Dentro do noso panorama, no último lustro pasamos de identificar ao redor de 30 artistas (rappers, beatmakers ou Dj’s) a máis de 200, sendo o xénero musical en galego que maior crecemento de actividade ten sen dúbida. Cada vez máis xente descubre novas cancións e novos referentes, aumentando notabelmente os ouvintes, e non só na Galiza. Abonda con analizar as estatísticas de visitas, reproducións, asistencia dos temas e dos concertos das artistas máis salientábeis que non paran de superar records.

Tamén lanzaran unha canle de radio con hits, como foi?

Foi un proxecto que iniciamos en xaneiro de 2019, posíbel grazas á colaboración de Radio Allariz e á constancia de Mouro RG. Somos conscientes da desaparición de radios musicais nos últimos tempos, mais nós queriamos condensar cancións e curiosidades en programas de radio, poder emitir desde as últimas novidades até cancións máis vellas ou clásicos, para así ter unha hora de hip hop en galego de calidade. Para quen estiver interesada, temos todos os programas en aberto para escoitar na canle de Youtube e en plataformas como Ivoox.

E sobre o Top 10 das mellores cancións e grupos?

Para elaborar esta lista facemos un repaso pormenorizado da lista de reprodución que temos cos temas de cada ano para anotar as 30 máis relevantes. Convidamos a xente a participar mediante unha enquisa ou comentarios para que nos digan as súas candidatas ao Top 10 e contabilizamos os votos. Logo, a equipa tratamos de seleccionar 10 temas de calidade. Cada ano faise máis difícil, este 2019 tivemos que escoller entre máis de 180 cancións. Así, nas tres edicións que levamos, as cancións vencedoras foron, en 2017, “O galego non mola” de SonDaRúa, en 2018 “Caixa de cristal” de Alto Asalto e xa en 2019, “Rugir da Jungla” da Rebeliom Do Inframundo. 

Comentarios