Crítica de cinema das sextas feiras

A última dos vingadores: deixade os prexuízos na casa

infinity2
photo_camera Un fotograma do filme

Avengers: Infinity War
(EUA 2018, 149 min.) 

Dirección: Anthony Russo e Joe Russo.
Guión: Christopher Markus e Stephen McFeely.
Fotografía: Trent Opaloch.
Música: Alan Silvestri.
Elenco: Robert Downey Jr., Chris Evans, Scarlett Johansson, Chris Hermsworth, Chris Pratt, Josh Brolin, Chadwick Boseman, Samuel L. Jackson, Elizabeth Olsen, Jeremy Renner, Tom Holland, Zoe Saldana, Dave Bautista, Gwyneth Paltrow, Bradley Cooper, William Hurt, Idris Elba, Vin Diesel, Don Cheadle, Peter Dinklage, Paul Bettany, Sebastian Stan, Tom Hiddleston, Karen Gillan, Terry Notary, Tessa Thompson, Benicio del Toro, Sean Gunn.

SINOPSE

Thanos quere reunir as Xemas do Infinito para dominar o Universo. Os Vingadores tratarán de evitalo.

CRÍTICA

Cando unha peli ten unha sinopse máis curta que os nomes das estrelas que participan... podemos esperar o peor. Un imaxina que non van dar abasto a encaixar tanto ego en pantalla e que vai quedar algo precipitado, metido con calzador, tal se fora un sketch de Benny Hill con todos os súper heroes a cámara rápida perseguindo ao malo ao redor dunha mesa onde Visión é o calvo e Tony Stark vaille dando golpeciños na cabeza coa música mítica da serie... pero, por sorte, –sempre hai un pero– Infinity War non ten nada que ver con estes prexuízos tan estraños...

Para comezar a presentación de Thanos (Josh Brolin), o malvado súper vilán, está bastante próxima á perfección: catro pinceladas e xa sabemos como as gasta o tal Thanos... por certo, un malo de película deses que van pasar á posteridade. A historia sitúase xusto despois do final de Thor Ragnarok e o quid vai un pouco na liña de Songoku, só que en troques de Bólas Máxicas o que teñen que atopar son as Xemas do Infinito.
 

É aquí onde entran en xogo toda a recua de súper heroes Marvel. Toda? Non... pero case. O chulo do asunto é que os irmáns Russo, responsábeis de dúas das partes da saga do Capitán América, conseguen conxugar, e con boa nota, a todos os tipos de súper heroes que conforman o Universo Marvel: os que andan en naves espaciais (Starlord, Gamora, Groot, Drax, Rocket, Nébula, etc), os magos (Dr. Estraño e Wong), os semi-deuses (Thor e Loki) e os súper heroes con poderes (Spider-Man, Capitán América, Black Panther, Hulk...) ou sen eles (Iron Man, War Machine ou Falcon). Así temos ciencia ficción, fantasía, aventuras, maxia, algo de comedia e tamén escenas bélicas. Un menú ben completiño.

Mestura que podería ser un verdadeiro desastre en forma de prato combinado de bar cutre pero que acaba funcionando como unha desas ceas en casa dalgunha amizade onde cada quen leva algo para picar. Ao principio son un pouco caóticas, pero estase a gusto e sempre acaban sendo unhas risas...

O guión ten lagoas? si. Algún diálogo é mellorábel? tamén. Ás veces hai demasiada pantalla verde? pois claro. Hai personaxes que merecían máis tempo en pantalla? que llo pregunten a Peter Dinklage... Pero xa sabemos ao que imos, así que, quitando estas cousiñas, que non deixan de ser opinións subxectivas, Infinity Wars non defrauda en absoluto. Dá o que se espera dun filme destas características, e mesmo algo máis. Puro entretemento, bo ritmo, escenas trepidantes, personaxes correctamente desenrolados e -non me canso de dicilo- un malo tremendamente bo. Ese Thanos, oé!

Por riba conta cun deses finais abertos que nos remonta a tempos de O Imperio contraataca no que o desconcerto xeral era palpábel no rostro dos e das asistentes. Aquí igual.. Por suposto, tras dos -eternos- títulos de crédito, hai que quedar ao final post-créditos onde se avanza por onde van ir os tiros na seguinte entrega Marvel.

E no tocante á guerra Marvel vs. DC... pois Marvel acaba de gañar por K.O.


 

Comentarios