Juan Carlos Piñeiro é o candidato de CxG ao Parlamento Europeo

"A UE ten que ser o grande Estado"

Nado en San Cibrao (Cervo) en 1977, Juan Carlos Piñeiro Docampo é o candidato de Compromiso por Galicia (CxG) ao Parlamento Europeo. Sindicalista da UXT e asesor laboral, foi elixido secretario xeral da formación galeguista en 2017. Responde este cuestionario a través do correo electrónico.

Juan Carlos Piñeiro
photo_camera Juan Carlos Piñeiro

Que balance fai para Galiza destes anos de integración na Unión Europea?

Ben, evidentemente luces e sombras, aínda que claramente máis luces. Os moitos anos de fondos de cohesión foron moi necesarios na Galiza, mais a valoración da súa xestión xa é outro capítulo. De todas as maneiras, considero que foi moi positivo e vertebrador para Galiza.

Cales son as prioridades de Galiza na UE?

No momento actual, Galiza ten que loitar polo status de nación europea. Hoxe a prioridade é ter capacidade real de poñer influencia na PAC e na resolución do Brexit. Unha defensa real de dous sectores importante como son o agro gandeiro e a pesca. Desde CxG tamén impulsaremos cos nosos socios de ALDE unha tarifa eléctrica europea para a industria.

Nese sentido, que Europa propoñen desde a súa formación e cal sería o papel de Galiza nela?

Propoñemos unha Europa Estado. A UE ten que ser o grande Estado, cunha defensa europea e mandada por europeos. Para avanzar nunha administración multinivel que elimine as fronteiras que non se ven entre os pobos. Menos forza dos actuais e vellos Estados para máis forza das nacións e rexións. Galiza foi e será un dos xermes do europeísmo co Camiño de Santiago e así ten que ser. Cómpre tamén que Galiza sexa o interlocutor coa lusofonía e con América do Sur, dentro dun galeguismo global e sen fronteiras.

Cal será a primeira iniciativa que proporá no Parlamento Europeo?

Unha tarifa única europeas para as industrias electrointensivas que homoxeneice os prezos en toda a Unión. E a elaboración dun plan de axuda a África e cambiar a PAC na Galiza cara a unha produción acorde a unha New Green Deal.

Vostedes non poden intervir no Parlamento en galego porque non é lingua oficial na eurocámara. En que idioma se comunicará nas súas intervencións?

Indistintamente en castelán e portugués.

A propósito do idioma, que poden facer as eurodeputadas e eurodeputados galegos pola lingua desde o Parlamento?

Primeiro loitar polo status de nación e desde ese recoñecemento loitar polo recoñecemento como lingua oficial.

A función e actividade dos partidos e grupos parlamentarios europeos son pouco coñecidas. En cal se integran vostedes e cal é a súa utilidade práctica para as galegas e galegos?

É, de sobra, coñecido o noso traballo no Partido Demócrata Europeo, poñendo voz a Galiza en 2019 en París, Liubliana, Bilbao, Porto, Lisboa, Roma. Estaremos encadrados nesta formación, dentro de ALDE, que ten a virtude de ser a bisagra entre os dous grandes partidos europeos e conta con oito comisarios de áreas moi importantes para Galiza. Xa en 2017, 2018 e 2019 levamos máis de 80 iniciativas galegas. O PDE é un partido federalista que recoñece as nacións e defende as linguas, co cal, que mellor para Galiza?

Nun contexto de ascenso da ultradereita, a eurocámara aprobou en outubro unha resolución contra o avanzo do neofascismo en Europa e pola ilegalización da Fundación Francisco Franco. Como valora o aumento destas forzas en Europa e a existencia desta fundación?

Quero dicir en primeiro lugar que os demócratas estamos fallando na conexión coa sociedade, os populismos de dereita e esquerda retroaliméntanse e, ás veces, non somos valentes para falar dos problemas da xente, iso ten que cambiar. No relativo á fundación é unha vergoña como Estado e como sociedade, ao igual que as continuas postas en ridículo da xustiza internacional no relativo ao procés.

Comentarios