A UE chega a un acordo para prorrogar a PAC até 2022

O Goberno español, polo contrario, defendía unha extensión dun só ano.
Vacas pacendo (Europa Press).
photo_camera O texto final da Política Agraria Común terá que ser aprobado polo Consello da UE e a  Eurocamara antes de poder chegar a entrar en vigor (Foto: EP).

As institucións da Unión Europea chegaron durante a xornada de onte a un acordo para prorrogar as normas actuais da Política Agrícola Común (PAC) -que expirarían ao finalizar o 2020- durante dous anos máis, de modo que se garantan as axudas directas a produtores e os fondos para desenvolvemento rural até 2022.

Trátase, con todo, dun acordo parcial entre os negociadores do Parlamento Europeo e o Consello da UE (os gobernos), posto que o texto final depende da dotación concreta da PAC para 2021 e 2022, e esta cifra está suxeita ás negociacións do orzamento a longo prazo da Unión Europea (MFF, polas súas siglas en inglés).

A proposta orixinal da Comisión Europea expuña unha prórroga dun ano, algo que defendía tamén o Goberno español. Pero finalmente a división entre as capitais europeas para pactar o MFF 2021-2027 e o atraso nas negociacións provocado pola pandemia da COVID-19 levou a que a extensión pactada sexa de dous anos.

A Eurocámara informou nun comunicado de que, ademais, a extensión da PAC facilita o acceso de agricultores e gandeiros a compensacións por "caídas pronunciadas de ingresos e perdas provocadas por eventos meteorolóxicos severos ou brotes de enfermidades en animais ou plantas".

Tamén se relaxan as normas sobre achegas públicas, para que as autoridades nacionais poidan calcular a carga fiscal dos agricultores e gandeiros tendo en conta varios anos e mesmo poidan excluír temporalmente o aforro acumulado polos produtores para facer fronte a anos malos.

Doutra banda, os programas plurianuais con medidas sobre agricultura ecolóxica, benestar animal e apoio á transición climática poderán durar até cinco anos, fronte aos tres que propuxera a Comisión Europea no borrador lexislativo.

A prórroga da Política Agraria Común actual depende agora do acordo que alcancen os socios comunitarios e o Parlamento Europeo sobre o orzamento da UE para os próximos sete anos. Unha vez se consiga, poderán engadirse as cifras coa dotación da PAC para os anos 2021 e 2022

Non obstante, o texto final sempre terá que ser aprobado polo Consello da UE e a  Eurocamara antes de poder chegar a entrar en vigor.

Comentarios