A UE afástase das metas en igualdade e acción climática

"É preocupante", dixo o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, malia os "progresos" na maioría dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel.
2020062214430949380
photo_camera "É preocupante", dixo o comisario europeo de Economía, Gentiloni (Nós Diario)

A Unión Europea rexistrou nos últimos cinco anos "progresos" na maioría dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) das Nacións Unidas, mais estancouse en medidas relativas á loita contra o cambio climático e afastouse das metas en materia de igualdade  entre sexos.

"É preocupante", dixo o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, na conferencia de prensa de presentación onte do informe sobre estes obxectivos elaborado por Eurostat, estudo que mide o avance da UE en conxunto nos 17 ODS mais sen atribuír valor numérico aos resultados.

A respecto da desigualdade entre sexos sinalou que "as mulleres teñen menos posibilidades que os homes de ser contratadas. Facerse cargo de responsabilidades (domésticas) é a principal razón pola que as mulleres non forman parte da forza de traballo".

En positivo salientou que a representación feminina nos parlamentos nacionais avanzou de 20% en 2000 a 32,1% en 2019, mais "claramente hai un longo camiño que percorrer" e chamou a analizar se a porcentaxe de mulleres desempregadas por facer traballos domésticos, que aumenta, vai crecer aínda máis por causa do confinamento.

A respecto da acción climática, Gentiloni afirmou que se fixeran "progresos nalgunhas áreas", mais que "aínda hai desafíos". "A UE xa alcanzou o seu obxectivo de reducir as emisións contaminantes 30 % para 2020 e as proxeccións indican que tamén se cumprirá o obxectivo para 2030", apuntou o comisario.

Con todo, a temperatura "na superficie da UE entre 2009 e 2018 foi 1,6 grados centígrados superior aos valores preindustriais, cun incremento de 0,2% sobre a década precedente".

Progresos cara a 2030

Adoptados en 2015 polos Estados membros da ONU, os ODS da Axenda 2030 son unha serie de metas por áreas para pór fin á pobreza, protexer o planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e prosperidade para o final da presente década.

Pese aos resultados en cambio climático e igualdade de xénero, dous dos buques insignia da Comisión Europea, Gentiloni celebrou o progreso na maioría dos indicadores no conxunto da UE, tales como o descenso do crime, a pobreza, melloras sanitarias ou crecemento económico, algo que ─segundo considera─ favorece que "estea nunha mellor posición para facer fronte á actual crise sanitaria e económica".

Comentarios