Ucraína inicia o proceso para disolver o parlamento de Crimea, que pediu a Rusia a anexión da península

O Parlamento crimeo adiantara esta quinta feira a convocatoria do referendo de autodeterminación para o 16 de marzo. China pide respeto á ''integridade'' de Ucraína mais non condena a actuación de Rusia.

352557_Crimean-parliament-rally

A Rada suprema de Ucraína vén de iniciar o procedemento para disolver o parlamento de Crimea, segundo informan medios ucraínos e axencias de noticias. Faino no mesmo día en que a Cámara crimea aprobou o adianto do referendo de autodeterminación previsto, inicialmente, para o 30 de marzo.

O presidente interino de Ucrania, Alexandr Turchínov, cualificou de "ilegal e ilexítima" a decisión da cámara lexislativa de Crimea.

O poder lexislativo acordou que a consulta a respeito do futuro deste territorio autónomo se decida o día 16. O presidente crimeo asegurou que a pregunta á que dera resposta a cidadanía crimea será se o territorio se mantén como parte da Ucraína ou, pola contra, se integra na República Federal de Rusia.  Aliás, e sempre de acordo co recollido polas mesmas fontes, o Parlamento crimeo decidiu por unanimidade, após o adianto electoral, solicitar ás autoridades rusas que tomen en consideración unha posíbel anexión de Crimea. 

Falou China

Tamén nesta quinta feira China rachou co seu silencio sobre os últimos acontecementos en Ucraína. O embaixador chinés na ONU chamou a todas as partes a procurar unha solución política e dentro da legalidade. Liu Jieyei asegurou que China respecta a unidade e a integridade territorial de Ucraína mais negouse a condenar a presenza de tropas rusas na península e asegurou que “hai razóns” para explicar esta situación.

Máis en OPINIÓN
Comentarios