"Turquía non é unha democracia nen nada que se lle pareza"

Conversamos con María Traba, estudante galega de Erasmus en Istambul sobre a situación que atinxe o país após a sinatura do acordo UE-Turquía.

María Traba
photo_camera María Traba

"Vivo nun edificio de aluguer con moita xente migrante", explica María Traba, estudante galega de Erasmus en Istambul (Turquía). No país, explica, "a cousa está tensa" por mor "do aviso de atentado" após o acontecido o 20 de marzo. Aliás, acrecenta "hoxe [21 de marzo] é o Newroz [día do pobo curdo]", o que fai aumentar a tensión. 

Porén, María Traba afirma que "a vida aquí ten outro perfil" marcada por un "aumento crecente da poboación siria" mais tamén polo "contraste das novas". "Din que un barco grego atacou refuxiados e cando lemos a prensa internacional vemos que o barco é turco", explica. "Hai un lavado de cara" do goberno de Tayyip Erdogan caracterizado polo "escurantismo". 

"As persoas refuxiadas viven nun ghetto, en condicións moi precarias, case chabolistas", explica, e co apoio de "traballo voluntario". O executivo turco, di, "non está". 

As persoas refuxiadas viven nun ghetto, en condicións moi precarias, case chabolistas

María Traba vive, entre outras persoas, cun rapaz sirio "migrante forzado" por mor da guerra. "Estaba a estudar Medicina cando estourou o conflito. Após chegar a Turquía "atopou traballo como tradutor". 

A respeito do acordo asinado entre a UE e Turquía sobre o futuro das persoas refuxiadas esta estudante non dubida que foron usadas como "moeda de cambio" pois "ao goberno [turco] interésalle pertencer á UE" embora estar "reconvertendo o país" desde unha perspectiva relixiosa, segundo explica. 

Manifestarse aquí é un deporte de risco, hai cargas en todas as mobilizacións

María Traba mora "na zona asiática", non é un espazo turístico polo que describe a súa vida diaria cun "ben", embora "a situación é a que é". En días pasados "a embaixada envioume unha mensaxe de que non podía ir a zonas turísticas por ameaza de bomba". "Depende de onde vivas", asegura. Ora ben, salienta a forte presenza policial é "extremadamente militarizada e armada". "Semella que fosen á guerra", di. "Manifestarse aquí é un deporte de risco, hai cargas en todas as mobilizacións, si ou si, con gas pementa e bombas de auga". 

Porén, esta estudante subliña o "racismo brutal" que atinxe o pobo curdo en Turquía. "É un ataque constante" e coa "propaganda", afirma, "téñenos anulados". 

"Isto non é unha democracia nen nada que se lle pareza", sentencia.

Comentarios